«Ribadavia ten que recuperar o quiosco das irmáns Touza na estación»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

RIBADAVIA

O barrio xudeu é a paixón de José Ramón Estévez e a Madalena o seu espazo privilexiado
O barrio xudeu é a paixón de José Ramón Estévez e a Madalena o seu espazo privilexiado Santi M. Amil

José Ramón Estévez fixa a orixe do teatro na capital do Ribeiro en 1693, nas pezas da Istoria

16 jul 2022 . Actualizado a las 22:05 h.

Era o seu! Non podería ser doutro xeito. José Ramón Estévez Pérez (Ribadavia, 1952) cita no barrio xudeu da capital do Ribeiro, na terraza do local que ocupa o edificio onde se cre que estivo a sinagoga de Ribadavia. É parada obrigada para el no día a día, e tamén un símbolo do espazo que escolle como zona privilexiada. O conxunto monumental é o lugar co que se sente identificado e preto da igrexa da Madalena naceu, na travesía de Santiago.

Estévez é un apaixoado de Ribadavia e O Ribeiro e sempre tenta axudar no que pode coa documentación ou os datos que foi pescudando durante décadas de traballo. O seu último proxecto, polo de agora, é o libro Las artes escénicas en Ribadavia (Armonía Universal), un volume que presentaba hai unhas semanas na compaña de Roberto Pascual, director da Mostra Internacional de Teatro. Coñecedor de moitas e engaiolantes historias, sempre anda argallando iniciativas que desenvolver. A próxima? Un volume no que recollerá moitas e variadas historias vencelladas coa vila acontecidas entre os séculos VIII e XV.

 

O estudo sobre as artes escénicas camiña entre os anos 1693 e 1950. Estévez fixou a fronteira na metade de século «porque xa había un traballo sobre Abrente que fixo unha rapaza e non é do caso andar repetindo cousas, que non aporta nada». No percorrido histórico incide no que considera un sinal de identidade dos veciños da vila: «De toda a vida, aquí houbo moita implicación en todo o que tivo que ver coas artes escénicas —e coa música— e a xente sempre estivo volcada co teatro, e colaboraban sen ser artistas».

Fixa unha data para documentar a relación histórica de Ribadavia co teatro: «Pode ser anterior, iso sempre está por ver, pero a primeira referencia é de 1693 e está vencellada coa Festa da Istoria. Na mesma, entre 1693 e 1800, representábanse pezas teatrais. Eran iniciativas organizadas polo Concello e case sempre estaban relacionadas con episodios bíblicos. Non eran cousas fixas, contrataban a un mestre que escribía para poder ter eses textos que representar na Istoria».

Reivindicador constante, José Ramón Estévez o mesmo teima para que Compostela organice un acto en memoria do seu alcalde fusilado en 1937 —sobra dicir que José Germán Fernández nacera en Ribadavia en 1866— que revisa o texto da novela histórica escrita a catro mans con Vicente Piñeiro sobre Gonzalo Yáñez de Novoa —noveno Mestre de la Orden de Calatrava— de próxima publicación. A onde volve sempre é ás irmáns Touza e á súa loita por salvar aos xudeus do nazismo, algo que viviron na propia familia: «Lola Touza díxolle a meu avó, Francisco Estévez, que tiña que pasar a un home a Portugal. Ela non podía, pero como el era pescador ía ser máis fácil a cousa. Colleu catro canas e alá se foron de madrugada os tres —meu pai, con 99 aínda dá conta do acontecido— camiñando pola vía do tren. Cando chegaron dixéronlle ao señor que había que ir na procura dunha barca. El no quixo agardar. Como era xuño e o río ía baixo atáronlle a roupa enriba da cabeza, para que non se mollara, e cruzou a pe cara a Portugal».

Estévez cre que a vila ten que seguir reivindicando o legado e o compromiso daquelas mulleres e mantén unha demanda que non deixa de lembrar: «Ribadavia ten que recuperar o quiosco das irmáns Touza na estación de tren. Aquilo foi moito máis que un quiosco, é un símbolo que temos que recuperar». Acredita que chegará o día no que a historia se converta nunha película.

«O Camiño Miñoto Ribeiro rematará por ser recoñecido»

A etapa de traballo en Girona achegou a José Ramón Estévez á paleografía e á pescuda no arquivo da catedral. E a partir de aí xa se foi enredando en novas pescudas e proxectos. Mantén a tese de que a sinagoga de Ribadavia estaba na praza da Madalena, algo que recoñece está por demostrar e non cadra coa tese de Gloria de Antonio Rubio, que no seu traballo sobre os xudeus en Galicia a sitúa un chisco máis arriba. Dende 1993, ano no que o alcalde Jaime Dávila lle encargou un traballo para reivindicar que o camiño a Compostela pasaba pola vila, andivo teimando co seu estudo. Estévez e outros investigadores foron recuperando o trazado entre Braga e a cidade do apóstolo. Lembra que xa existía o hospital de Santiago de Alén antes de crear o actual convento de San Francisco e non ten dúbida: «O Camiño Miñoto Ribeiro rematará por ser recoñecido».

DNI

Quen é. José Ramón Estévez Pérez naceu no barrio xudeu de Ribadavia en 1952.

Profesión. É xubilado. Graduouse na escola da Cámara de Comercio de Barcelona en comercio exterior e traballou no sector do transporte en Cataluña. Unha oferta laboral en A Coruña, «e a morriña», fixo que retornase en 1992. 

O seu espazo. O barrio xudeu é a súa paixón. Nel naceu e todo o relacionado coa historia de Ribadavia e as persoas que a escribiron é o terreo onde goza. A praza da Madalena é o seu recanto e a casa que puido ser a antiga sinagoga o enigma a resolver.