«Ao final, aínda que con matices, os obxectivos da esquerda son os mesmos»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

RIBADAVIA

Noelia Rodríguez Travieso (PSOE)
Noelia Rodríguez Travieso (PSOE) Santi M. Amil

A nova rexedora de Ribadavia di que PSOE e Ribeiro en Común limaron asperezas: «Agora estamos no bo camiño»

28 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira muller alcaldesa de Ribadavia é Noelia Rodríguez Travieso, enfermeira de 43 anos, e chegou ao cargo a través dunha moción de censura apoiada polo seu partido, o PSOE, e pola marea local, Ribeiro en Común. Ela séntase no despacho da alcaldía, pero trátase dun goberno en coalición.

-Como están sendo os primeiros días nesa cadeira?

-Desbordantes. Hai moitas cousas que facer, cousas que había retrasadas e estou poñéndome ao día coa axuda dos funcionarios. Teño unha sensación de vertixe porque hai moitos temas que sacar adiante.

-Como é a relación cos socios de Ribeiro en Común?

-É boa, de respecto, de boa sintonía. Hai colaboración, hai diálogo e iso é algo esencial para que os obxectivos que nos marcamos saian adiante. Funcionamos desde o minuto un como un equipo.

-Quedan esquecidas, polo tanto, as importantes discrepancias do pasado?

-As negociacións non vou a negar que fosen complicadas. Cando dous grupos compiten nun mesmo espazo electoral, onde hai transvase de votos entre os grupos de esquerda, ás veces hai esa rivalidade, que fixo que houbese choques lóxicos porque uns ocupabamos o goberno e outros facían o seu papel como oposición. Pero ao final, aínda que con matices, os obxectivos da esquerda son os mesmos.

-Entón, por que tardou tanto tempo en pecharse un acordo que xa era posible desde o ano 2019?

-Iso agora non é o importante. O importante é que chegamos a un consenso, limamos asperezas e agora estamos no bo camiño, poñendo primeiro aos veciños e ao concello de Ribadavia.

-Como ve a posición de Ignacio Gómez, que foi o cabeza de lista do PSOE e agora non é alcalde?

-O paso de Nacho a un lado debería respondelo el, pero en todo caso el sempre manifestou a súa intención de non estar máis de oito anos e considerou que no seu percorrido en Ribadavia xa non tiña máis que demostrar. Ten que haber outra nova etapa, con caras novas e xente nova, que foi o que el entendeu, algo que non fai todo o mundo.

-O exalcalde do PP, César Fernández, di que a moción non está xustificada. Como valora a súa xestión?

-Hai un César ao inicio do mandato que comeza con humildade e con diálogo porque sabía que non lle correspondería gobernar en condicións normais. Pero, co paso do tempo, puidemos ver outra cara de César. A partir da pandemia, tratou de sacar proveito político dunha desgraza. E, a maiores, eu preguntaríalle aos veciños que pensen nalgún proxecto de importancia executado nestes anos. E os que quedaron resoltos polo goberno anterior executáronse mal, como o parque Robla, o campo de fútbol, perder obradoiros, pechar un colexio centenario ou deixar que se perderan servizos no centro de saúde, colocándose sempre de costas á veciñanza en temas tan importantes como é o sanitario. Cambiaron a dinámica económica dos dezaseis anos de gobernos socialistas e desde o punto de vista da transparencia tamén se mudaron moitas cousas. Ningún alcalde o fai todo ben ou todo mal, pero de non existir a pandemia a súa valoración sería moito peor.

-Que lle pareceu o seu ascenso na Deputación a vicepresidente segundo?

-Como alcaldesa non vou a valoralo.

-Pero, no seu novo cargo, el será o seu interlocutor da Deputación co Concello de Ribadavia.

-Si, e espero que se comporte coas nosas demandas mellor que a propia Deputación se comportou sendo el alcalde, que o único que se orzamentaba para Ribadavia eran 90.000 euros cando hai concellos catro veces menores que triplicaban esa cantidade.

-Un dos principais motivos alegados para xustificar a presentación da moción é que César Fernández non presentou os orzamentos para o ano 2021 pero el di que, de non saír adiante a censura, debateríanse esta mesma semana. Cando os presentará o seu goberno?

-Temo previsto presentalos aos grupos na primeira semana de marzo.

-Cales serán as prioridades deses orzamentos?

-Serán uns orzamentos pensados no social, en sacar adiante aos que sufriron máis nesta pandemia, como ás persoas desempregadas, pemes, comercio ou á hostalería, para a que xa aprobamos a exención das taxas das terrazas no noso primeiro pleno.

-Nas últimas eleccións ía vostede como número catro na lista do PSOE. Irá de número un nas do ano 2023?

-Co que estamos a vivir nos últimos tempos, onde unha crise cambiou dun día para outro as nosas vidas, temos que ir vendo a evolución do día a día. Eu estou comprometida co presente e co futuro inmediato, que son estes dous anos e catro meses que restan de mandato. Niso vou centrar os meus esforzos, no día a día da miña vila. Se o meu futuro non é político volvería ao meu posto de traballo, que son enfermeira, e non podo pararme a pensar niso. É algo que decidirá o meu partido no seu momento.