A cultura reivindícase con forza na rede

Da poesía aos concertos en directo, as iniciativas seguen apostando por non parar a actividade

;
Muiñeira de Cabana Muiñeira de Cabana

ourense / la voz

A cultura estase a remexer contra unha situación que ten cuestionada a súa propia viabilidade e supervivencia. Movementos como os referidos á non cancelación de actividades ou as declaracións de reafirmación da campaña dos traballadores culturais son só parte das iniciativas. Institucións, colectivos e creadores están a apostar por desenvolver proxectos nas redes para darlle unha nova visibilidade ao seu traballo, cando non como canle para amosar novos e orixinais proxectos en tempos de confinamento. Tamén hai momentos de solidariedade e de iniciativas colectivas.

 Fundación otero pedrayo

Unha poesía para o patriarca. A Fundación que garda a memoria do patriarca das letras galegas ten espallado diferentes materiais dende que comezou o estado de alarma. Na actualidade amosa no seu perfil un poema ao día, todos eles co elemento común de ser textos dedicados a Ramón Otero Pedrayo. A serie encetou cun texto de Luís González Tosar e Florencio Delgado Gurriarán é o autor da entrega deste luns, a número once.

 Ribadavia

Da aposta polo propio a «Olvido e León». O Concello de Ribadavia lanzou hai días unha iniciativa vencellada aos creadores, colectivos e axentes culturais. E nesa liña colgou nas redes sociais actuacións de, entre outros, o músico Mauso Neira, o cantante Joel Montoya e o Mago Albert. Ademais, Ribadavia tamén deu a coñecer o avance de Olvido e León, lembrando dende o seu Facebook que a capital do Ribeiro foi un dos espazos onde gravou Xavier Bermúdez. 

Arqueolóxico

Peza do mes e concurso de microrrelatos. Ao non poder celebrar os encontros mensuais da «Peza do mes» o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense está a espallar os seus fondos, e outras iniciativas vencelladas ao proxecto #aculturasegue no seu perfil en internet. Tamén convocou hai uns días un concurso de microrrelatos para celebrar o Día do Libro. Os orixinais a concurso deberán conter as palabras Museo e Arqueoloxía no texto e as pezas, en galego, deberán ter entre 140 e 160 caracteres. A data de entrega rematará o vindeiro día 20 e as bases pódense consultar na súa web. 

O gaiteiro isidro vidal

Unha peza por día. Logo de superar o reto de subir unha muiñeira ao día durante un ano a Internet non ía ser o coronavirus quen calase ao gaiteiro carballiñés Isidro Vidal. No primeiro tramo do confinamento centrouse en pezas propias e para a segunda fase escolleu temas tradicionais para «desfacelos e darlle un aire novo». E de todo iso foi dando conta en Youtube. Agora está centrado en algo máis didáctico, mentres agarda a que COVID-19 nos deixe en paz para poder presentar o seu novo traballo. 

Ilustración

David Rubín e Paco Roca. O ilustrador ourensán David Rubín e a editorial Astiberri liberaron o primeiro volume de El héroe para que se poida ler de balde. A editorial tamén liberou Memorias de un hombre en pijama, de Paco Roca. A obra serviu como base para a película de animación do mesmo título, que se proxectou no OUFF. 

Biblioteca de Ribadavia

Pequenos lectores. A biblioteca da capital do Ribeiro leva todo o confinamento compartindo información de recursos que se poñen en rede, materiais que se liberan e outros datos. Nos últimos días desenvolve unha campaña centrada nos lectores máis novos, que mandan as súas imaxes cos libros que están a ler. 

Cineclub padre feijoo

Axuda solidaria. A entidade cineclubista ourensá, que este ano celebra o seu medio século de vida, mantense sen actividade polo decreto de alarma, que trouxo consigo a suspensión da programación. Nos últimos días fixo un agradecemento público á aseguradora Mapfre pola decisión de non pasarlle ao cobro un dos recibos que debía abonar o cineclub ourensán.

 Biblioteca Xeración Nós

Debuxos e recursos. Dende hai semanas a biblioteca ourensá amosa os debuxos que lle remiten os lectores para animarnos a quedar na casa e saír desta fase de loita contra o coronavirus. Tamén se informa sobre contidos culturais. 

Museo etnolóxico

Refráns e ditos. O espazo expositivo de Ribadavia puxo en marcha O mes de abril na tradición, iniciativa que busca recoller ditos, refráns, cantigas e outros materiais. 

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A cultura reivindícase con forza na rede