«O obxectivo é que a escola sexa algo institucionalizado e oficial»

RIBADAVIA

Santi M. Amil

A actriz e xornalista Rosa Puga compaxina a súa faceta profesional co proxecto pedagóxico que dirixe en Ribadavia

23 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das asignaturas pendentes de Ribadavia vai camiño de ser historia. E será da man dunha veciña da vila que lembra na súa páxina web que o seu primeiro contacto co teatro foi no colexio, sendo estudante de 4º de EXB. Titulada en Arte Dramática pola RESAD (Real Escola Superior de Arte Dramática) e pola Escola de Cristina Rota, ten sumado logo cursos, mestrados e proxectos vencellados coa escena. Tamén se licenciou en Xornalismo. Rosa Puga Dávila é a directora da Escola Municipal de Teatro de Ribadavia.

-Como surxiu o proxecto?

-Presenteino un día no Concello e teño que recoñecer que foi moi ben recibido. Primeiro polo PSOE e logo polo actual goberno do PP.

-A experiencia está resultando como agardaba?

-É moi cedo para facer balance. Comezamos xa avanzado novembro e metéronse festas e diferentes celebracións polo medio. O obxectivo prioritario e botar a andar e xa contamos con grupos de infantil, primaria e adultos.

-As datas influiron?

-É certo que ao comezar cando o fixemos, na segunda quincena de novembro, fai que ao mellor xente que puidera estar interesada non se apuntara porque xa tiña programadas as actividades do curso. Con todo ves que hai interese e moito por facer.

-Que horizonte se marca?

-O importane agora é empezar e ir cubrindo etapas. O escenario ideal pasaría porque a escola de teatro sexa algo institucionalizado e oficial. Non é o mesmo, por poñer un exemplo, un Conservatorio que unha escola privada de música. Obviamente estamos falando a anos vista.

-Participou na película «Arima», que se está a estrear. Traballa nalgún proxecto?

-En xaneiro estreamos o musical «O candil» en A Coruña e estiven cunha obra en Madrid. Agora estou coa lectura dun guión e preparando proxectos para as axudas que se acaban de convocar.