Uns pequenos «sheriffs» velarán en Ribadavia pola saúde da Terra

Pablo Varela Varela
p. varela OURENSE / LA VOZ

RIBADAVIA

Santi M. Amil

Os nenos do Colexio Amencer patrullarán as rúas comarcais para axudar a reducir o consumo de plástico

27 sep 2019 . Actualizado a las 13:20 h.

Non poñerán multas. Ou esa é a idea que ten inicialmente María José Silva, coordinadora do proxecto Voz Natura no Colexio Rural Agrupado Amencer, de Ribadavia. Os alumnos dos tres centros que o engloban -San Paio, Fornelos y San Cristovo- convertíronse este xoves, e por un día, nos grandes defensores do planeta Terra sen chegar ás escalas mediáticas da activista Greta Thunberg. «Entre as actividades que se levaron a cabo está a emisión duns carnés de patrulladores do plástico, que chamamos as patrullas amarelas», conta Silva.

Coma se de sheriffs do Far West se tratase, os rapaces da escola tentarán axudar á redución do uso de materiais sintéticos nas casas e tendas da vila durante todo o curso académico. «O entorno rural da pé a propostas deste senso», explica a mestra. Todo xurdiu tras unha serie de comunicacións con outros docentes galegos a través de WhatsApp e pola Semana do Clima. «Fixémolo coa reivindicación de que, se temos só unha Terra, é a que temos que coidar», conta María José. Os nenos e nenas do centro escolar tamén pintaron un mural sobre o planeta e, simbólicamente, gardaron un minuto de silencio pola Terra tras ler un poema de composición propia.

«Aquí estiveron 49 nenos de entre tres e sete anos, e xa imos polo sexto curso traballando nos proxectos con Voz Natura», conta Silva. E algo do que aprenderon nos derradeiros anos deixa boas sinais. «Algúns dos nenos xa veñen con cantimploras ás clases e non con botellas de plástico», di a coordinadora das actividades.

E a idea é que este tipo de propostas xermine desde abaixo ata arriba, chegando tamén ós pais. «Hai cada vez máis, e son máis novos, que se conciencian deste tema. E tamén co uso da roupa, máis ecolóxica», detalla Silva. Non é unha herdanza calquera porque, polo que explica a mestra, «nos anos de Educación Infantil e Primaria é cando estamos máis preto deles para falarlle destes temas». É dicir, que enviar a mensaxe correcta no momento correcto tamén é importante. «Por uns días, serán eles os que lles falarán ós demais sobre o aforro de consumo de auga, tamén nas actividades vencelladas á vendima», finaliza.