De Galicia cavernícola

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

RIBADAVIA

15 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O pensar reaccionario de non poucas xentes de Galicia sorprende -ou desconcerta- a non poucos curiosos e estudosos. Coma sempre, cómpre botar unha ollada ao pasado máis ou menos próximo da nosa sociedade para que a realidade actual nos sorprenda menos. Algúns dos textos que exhuman os historiadores e os arquiveiros son dunha superlativa elocuencia. Elocuente a máis non poder é un texto de 34 versos que acaba de exhumar Miguel Ángel González García, cóengo arquiveiro de Ourense. Publicado está no número 28 do boletín da Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia. Titúlase a publicación Festejos en Ribadavia por el regreso de Fernando VII en 1814.

O señor González García ofrécenos un resumo da crónica «Regocijos y expresión voluntaria de los vecinos de la villa de Ribadavia», crónica que apareceu, o 30 de xuño de 1814, no suplemento de El Sensato, semanario galego de ideoloxía absolutista. A crónica semella unha película sobre a Inquisición: procesións, cánticos relixiosos, aturuxos antiliberais, protagonismo eclesiástico, retratos do papa Pío VII e do rei Fernando VII baixo palio e queima in efigie do político liberal Agustín de Argüelles Álvarez, que foi un dos redactores da Constitución das Cortes de Cádiz, nomeadamente nos capítulos referidos á liberdade de expresión e á abolición da tortura e da escravitude. O máis triste é que neses festexos de Ribadavia estaba presente unha boa parte da veciñanza da vila e das parroquias limítrofes. Tamén se queimou un exemplar da Constitución. O pobo, pois, na súa secular alienación, dirixido pola vella clerocracia, festexaba as súas propias cadeas.

Non podía faltar a poesía, nesta ocasión un texto bastante pedestre de 34 versos contra o infortunado redactor da Constitución de 1812. Repárese no comezo: «Fantasma, dinos ¿quién eres? / Argüelles. / ¿Cuál es, pues, tu profesión? / La irreligión. / Pues irreligioso Argüelles, / si el diablo te iluminó / […] corre al infierno, perverso. / Ribadavia y sus vecinos / te abominan in aeternum». Dos 34 versos, catro, os últimos, están en galego, idioma, naquelas calendas (é o ano 1814), case inexistente na letra impresa. Son estes: «Argüelles, millor che fora / qual Xudas non haber nado; / este morreu aforcado, / tua vida o lume devora».

A ladaíña panfletaria finaliza con esta estrofa en galego, chocalleiro idioma B moi concorde para referirse á fasquía case subhumana daquel cuestionador de certos poderes da Igrexa e do rei, pecados intolerables para boa parte dos estamentos dominantes e da xente ben. Infelizmente, Ribadavia, en 1814, non estaba soa.