«No 2019 presentaremos o proxecto para recuperar a casa de Otero e Risco»

O dramaturgo Camilo F. Valdehorras reivindica para Ourense o liderado dos actos do «Centenario de Nós»


ourense / la voz

Van alá moitos anos, corenta poñamos por caso, dende que un mozo chamado Camilo F. Valdehorras chegaba aos andeis das librarías galegas cunha obra de teatro. Un mundo, o escénico, que marcará a súa vida e un feito insólito, a publicación, polas características da mesma. Creou o orixinal de Progreso e Andrómena do Antroido con 17 anos e co mesmo gañou o Premio Abrente de Ribadavia en 1977. A chamada teatral levouno a coller o camiño de Cataluña, onde se diplomou en Artes Escénicas polo Institut del Teatre de Barcelona, e rematou na universidade. Dende hai trinta e dous anos traballa como profesor e investigador de Filoloxías galega e portuguesa da Facultat de Filologia da Universitat de Barcelona, na que é membro do departamento de Llengues i Literatures Modernes i d’ Estudis Anglesos e do seu claustro de doutores.

Na súa etapa de mocidade tamén se significou na poesía, formando parte do colectivo vigués Rompente e sendo un dos promotores-fundadores da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG).

Dramaturgo vetado

O punto de non retorno de Camilo F. Valdehorras á escena galega marcouno un proxecto que aínda hoxe se lembra polo arriscado da proposta. En 1992 codirixiu e fixo a dramaturxia da estrea profesional de A Lagarada, de Ramón Otero Pedrayo. As representacións da montaxe foron no patio da casa do patriarca das letras galegas en Trasalba. «Dende o punto de vista profesional e artístico foi un proxecto de moitísima calidade en todos os aspectos: dende o traballo dos actores do CDG aos músicos, pasando pola implicación que tivemos de xente como Iago Seara, Adolfo Domínguez e outras persoas. A obra dirixida por Pere Planella foi un fito na escena galega, aínda que no meu caso a historia non rematou ben porque houbo desacordos co CDG, que daquela dirixía o meu amigo Manolo Guede, e tiven que recorrer á vía legal para cobrar o meu traballo. E, dende aquela, nunca máis me chamou ninguén para desenvolver proxecto algún aquí. En máis dunha ocasión díxomo Roberto Vidal Bolaño: ‘Ti e Euloxio Ruibal sodes os dramaturgos vetados de Galicia’».

Camilo F. Valdehorras mantén unha estreita relación coa terra. Participa en moitas das actividades e proxectos que se desenvolven, nesta semana nos actos sobre Florencio Delgado Gurriarán, e dende hai dez anos centra os seus esforzos nunha iniciativa na que tamén está a pegada do seu admirado Otero Pedrayo. No 2008 o Grupo AuriaNós, do que é director, merca a casa natal do autor de Arredor de sí e de Vicente Risco co obxectivo da «refeita integral para se converter no Centro Literario-Cultural AuriaNós. Lar da Galeguidade» e promove a creación da Asociación proCentenario de Nós 2020, da que é presidente.

Aínda que o movemento conseguiu que se declarase o 30 de outubro como Día de Nós en Ourense e que se organizasen actividades conmemorativas dende o ano 2010, neste 2018 non se celebrou ningunha iniciativa. Naquela altura, a finais do pasado mes, Camilo F. Valdehorras facía público o seu Rechamo por se acaso a prol do «Día de Nós». A Nación-Cultura Galega. «Temos que proxectar o legado de Nós, do pasado ao futuro, e Ourense ten que liderar ese movemento. A xeración e a revista Nós son un fito para a cultura e para a historia de Galicia. Un movemento que atinxe a toda a comunidade e que ten vocación internacional, e debe ser a sociedade ourensá quen lidere o proxecto do 2020. Da man das institucións, e da Xunta, sen posicionamentos excluíntes».

E mentres se van artellando as propostas de cara ao 2020, Camilo F. Valdehorras segue a pular polo seu compromiso vital. «No 2019 presentaremos o proxecto para recuperar a casa de Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco e facer deste espazo un lugar de referencia para a cidadanía e para manter vivo o legado dos persoeiros vencellados á mesma e a toda a Xeración Nós», sinala.

«Mercamos o edificio lindeiro para afortalar o proxecto de interese social e cívico»

O espazo ao que Camilo F. Valdehorras se sente vencellado dun xeito especial é a casa relacionada co legado de Otero e Risco. O primeiro foi peza cimeira da súa tese «que abrangue tres mil páxinas e na que Otero e toda a época de Nós son os protagonistas. Daquela, son coñecedor da época da que falo, dos persoeiros que a protagonizaron e do que significa esta casa», lembra. Logo de moitos anos en estado precario, en proceso de deterioro e á venda «foi cando a miña familia e máis eu, como Grupo AuriaNós, nos implicamos para mercala e promover o proxecto. É o noso compromiso persoal. E debería haber máis xente, ou institucións, que seguisen ese mesmo camiño porque hai moitos edificios singulares vencellados á memoria e a persoeiros históricos da cidade en toda a zona monumental. Nós, e iso xa se pode dicir, mercamos o edificio lindeiro para afortalar o proxecto de interese social e cívico que imos desenvolver».

Quen é. Profesión. O seu lugar.

Quen é. Camilo Fernández González, Camilo F. Valdehorras, naceu en O Barco de Valdeorras en 1959.

Profesión. É profesor de Filoloxía galega e portuguesa na Universidade de Barcelona. É autor de obras de poesía, teatro e ensaio. En 1977 gañou o Premio Abrente de Teatro de Ribadavia e en 1994 foi mención de honra no Rafael Dieste, da Deputación da Coruña.

O seu lugar. A casa da rúa da Paz vencellada á memoria de Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco, que quere transformar nun espazo de referencia para a cidade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«No 2019 presentaremos o proxecto para recuperar a casa de Otero e Risco»