«A Mostra é a porta de entrada de espectáculos internacionais a Galicia»

La Voz OURENSE / LA VOZ

RIBADAVIA

Santi M. Amil

O director da MIT salientou na inauguración o papel de Ribadavia na escena galega

15 jul 2018 . Actualizado a las 17:26 h.

«A Mostra é a porta de entrada dos espectáculos teatrais internacionais máis importantes a Galicia», actuando a MIT como un crisol onde se dan cita as mellores producións de países de todo o mundo. Así o asegurou o director, Roberto Pascual, na inauguración dunha nova edición do festival. Definiu á cita de Ribadavia como unha das institucións de Galicia e lembrou que nesta edición, na que cumpre dez anos dirixindo o certame, a aposta pola internacionalización está máis presente que nunca.

 

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, representou á Consellería no acto. Non tomou a palabra na inauguración da MIT 2018 polo pasamento do expresidente da Xunta.

A Xerardo Fernández Albor referiuse Roberto Pascual, para expresar as condolencias polo seu falecemento e para lembrar que dende a súa faceta como presidente de Galicia tamén contribuiu a facer de Ribadavia a capital do teatro galego. O subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, referiuse á Mostra de Ribadavia como un orgullo para Galicia e asegurou que o Ministerio de Cultura seguirá contribuindo a potenciar o festival de teatro da capital do Ribeiro. Na mesma liña, e lembrando a implicación da Deputación co certame, se expresou Rosendo Fernández. Pola súa banda o alcalde, Ignacio Gómez, lembrou o legado de Abrente e dos pioneiros que fixeron de Ribadavia unha referencia para a escena galega.

 

Premio Vidal Bolaño

Na xornada inaugural contouse coa actuación de De Vacas e os escenógrafos Carlos Alonso e Suso Montero recibiron o premio de honra que mantén viva a memoria de Roberto Vidal Bolaño.

Obradoiro con Marianella Morena, presentación de libro e estrea de Pippo Delbono

Logo da xornada inaugural, a MIT chega hoxe cun amplo programa de actividades e a agardada estrea absoluta no Estado da montaxe do italiano Pippo Delbono.

 

satélites

Arranca o SputMIT. Comeza o Satélites da MIT coa representación da montaxe Contiguo, de IO Circo, no pobo de San Cristovo. Será ás 13.00 horas.

 

 

 

obradoiro

Cita con Marianella Morena. O taller coa directora e dramaturga uruguaia Marianella Morena desenvolverase de 16.30 a 19.30 horas.

 

 

ruadavia

Alameda. A MIT aposta polas montaxes de rúa e para esta tarde está programada a presenza do grupo La Trócola na Alameda. Estarán coa obra Emportats a partir das 20.00 horas.

 

 

 

publicación

Concello. Presentación na consistorial do libro Confio-te o meu corpo. A dramaturxia pós-dramática, de Afonso Becerra de Becerreá. Presenta Tiago Guedes. Será ás 21.30 horas.

 

 

 

castelo

Estrea de Pippo Delbono. No auditorio do castelo de Ribadavia estará esta noite (23.00 horas) o recoñecido artista italiano Pippo Delbono. A compañía Emilia Romagna Teatro Fondazione-Pippo Delbono Company porá en escena La Gioia (A ledicia). Xunto a Delbono, autor e director, protagonizan a montaxe Dolly Albertin, Gianluca Ballarè, Bobò, Margherita Clemente, Ilaria Distante, Simone Goggiano, Mario Intruglio, Nelson Lariccia, Gianni Parenti, Pepe Robledo, Zakria Safi e Grazia Spinella.

 

Apoio ao teatro afeccionado

A Pre MIT estivo protagonizada pola compañía Teatro do Vilar. No auditorio do castelo estreouse a montaxe «Non se chora», dirixida por Jouse García e protagonizada por Rafael Carrera, Elvira García, Juan Carlos Fernández, Sandra Vidal, María García e Edmundo Araújo. foto santi m. amil