Roberto Pascual: «A MIT de Ribadavia demostra como dende a periferia se pode ser vangarda»

A Mostra de Teatro abre cun proxecto de coprodución, a nova versión de «Commedia, un xoguete para Goldoni», de Cándido Pazó


ourense / la voz

O director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia estivo estes días de «xira de platós» para presentar a MIT 2018 e dar as claves do que será esta nova edición do festival de referencia para a escena teatral galega. A capital do Ribeiro ofrece dende hoxe, e ata o día 22, un amplo programa de actividades que inclúe dende as estreas de montaxes internacionais que chegan por vez primeira ao Estado, ou a Galicia, a toda unha ampla variedade de propostas complementarias de vai das presentacións de publicacións aos cursos de formación, pasando polos encontros cos actores ou a serie de actuacións polos pobos de Ribadavia. Como acontece cada ano, Roberto Pascual (O Carballiño, 1981) chega a unha nova cita da MIT con poucas horas de sono, unha chea de proxectos sempre en carteira e reivindicativo, como soe ser o seu estado natural.

-Sempre ás presas.

-Si, mais ten que ser así. Aínda que o planifiques para que todo vaia a bo ritmo os últimos días, si ou si, sempre son intensos. Afortunadamente ten que ser así para contar cunha maior repercusión: non é só facer un programa de calidade senón que tamén hai que espallalo. Vai no oficio.

-Ribadavia acollerá varias estreas de montaxes internacionais. Está conseguido ese obxectivo polo que se veu traballando?

-Si. Levamos anos tentando redimensionar o festival e creo que temos o orgullo e a satisfacción de poder dicir que o conseguimos. Nun medio de comunicación estatal se nos vén de sinalar e pór de exemplo como un festival excepcional e iso significa que acadamos aquilo que queríamos ser: o festival da comunidade, o que para Ribadavia é moi importante, mais tamén queremos dicirlle moito ao resto de España, porque temos moi claro que dende o popular, dende a periferia, podemos ser perfectamente vangarda, sen estar situados nunha gran cidade.

-Abre unha coprodución e unha montaxe histórica: a nova versión de «Commedia, un xoguete para Goldoni». Acadouse o obxectivo desta liña de traballo?

-Si. Participamos nesta montaxe de Cándido Pazó, como antes fixemos con outras, e creo que a MIT debe seguir nesa liña de coprodución porque dende aquí podemos dárlle valor engadido a esas montaxes e facilitarlles o camiño para que podan saír fóra de Galicia grazas a traballar en rede con outros festivais. De feito a obra iniciará unha xira logo da estrea en Ribadavia.

-Algunhas das iniciativas que se reclaman dende hai tempo van camiño de ser realidade, como a escola municipal de teatro, mais temos materias pendentes.

-Sempre. Avanzamos, iso non quere dicir que sigan proxectos pendentes. Ribadavia é a capital do teatro galego e debería contar cun museo e un centro de documentación e investigación dende o que se organicen actividades durante todo o ano.

-Este ano, coa mostra de escenografía, adiantouse a MIT?

-Foi unha acción meditada. Por fechas e por reivindicar un oficio e un sector, o dos escenógrafos, aos que non se lle ten dado ata o de agora a consideración que merecen. Céntrase todo nos actores e o teatro é un traballo conxunto.

-A Mostra aposta este ano por incrementar a oferta formativa?

-En realidade o que fixemos foi traballar en dúas liñas diferentes: temos o obradoiro de Laia Ripoll, que é para profesionais, e logo temos o de Marianella Morena porque queremos incidir no encontro cos actores e coa xente que acude a presentar traballos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Roberto Pascual: «A MIT de Ribadavia demostra como dende a periferia se pode ser vangarda»