«O seminario para min foi a salvación e cambioume totalmente a vida»

O director do Servicio Público de Empleo Estatal, José Pérez Iglesias, ten previsto volver ao seu posto no IES O Ribeiro

.

ourense

O director do antigo Inem en Ourense vive na provisionalidade. Sabe que ten data de caducidade no seu cargo, como todos os baseados na discrecionalidade dos partidos no goberno -neste caso no central ao ser o Servicio Público de Empleo Estatal (SEPE) un organismo dependente no Ministerio de Traballo-, e ten claro que o seu futuro pasa por volver ao ensino. Profesor de Xeografía e Historia no IES O Ribeiro, de Ribadavia, confesa que garda especiais lembranzas desa etapa e dos anos que pasou formando aos rapaces da comarca. Entre o instituto e o SEPE (antes Inem) José Pérez Iglesias desenvolveu unha carreira política que estivo vencellada ao Concello de Ribadavia -gobernando en coalición, como alcalde ou na oposición- e á Mancomunidade do Ribeiro.

O PNG foi o espazo ideolóxico onde de moveu nos seus comezos na política e nun tempo onde esta formación -Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista- contou con dúas consellerías no goberno tripartito de Fernando González Laxe na Xunta. Na división interna derivada da integración no BNG, Pérez Iglesias decantouse polo camiño dun novo escenario e presentouse ás eleccións en Ribadavia cunha lista independente. Foi socio de goberno do PP, con Jaime Dávila de alcalde, e logo exerceu como rexedor municipal no seguinte mandato ao ser cabeza de lista do PP -entre 1999 e o 2003-. Deses oito anos no goberno, como tenente de alcalde e rexedor respectivamente, lembra con especial satisfacción actuacións como a reforma da Veronza -proxecto xa adxudicado que comezou aos dez días de abandonar o cargo-, o parque empresarial de San Cristovo e o PERI (Plan Especial de Reforma Interior) do casco histórico. «Daquela toda a zona monumental estaba moi mal e grazas ao PERI, contra o que votaron PSOE e BNG, foise rehabilitando e recuperando e aí están os resultados». Nun escenario de proximidade a decisión de José Pérez Iglesias pasa por voltar ás aulas do IES O Ribeiro. Alí está a súa praza, logo de iniciar a súa carreira docente en Viana do Bolo e pasar por Xinzo. Botou máis de 25 anos adicado ao ensino e garda un bo recordo «da etapa na que fun director, entre os anos 80 e 90. Era cando se elexía por primeira vez aos directores e foi unha sensación moi gratificante polo apoio recibido e pola ilusión coa que traballabamos todos os profesores e o equipo directivo naqueles tempos».

Nos últimos anos alternou a docencia coa dirección do Inem: nunha primeira etapa entre os anos 1996 e 2003 e na actual leva dende o 2012. Non comparte a mala imaxe que ten o servizo e incide no descoñecemento que existe ao respecto. «Hai dúas facetas: a autonómica -que é a que realmente ten as facultades para crear emprego- e a estatal, que é onde eu estou. Na de carácter nacional o único cometido é o relativo ao pago do paro e o resto de prestacións».

Unha etapa para lembrar

Á hora de escoller un espazo emblemático da cidade o exalcalde de Ribadavia e director do SEPE non ten nada que cavilar: o seminario. Con total agradecemento, admiración e recoñecemento caraa o lugar admite que «o seminario para min foi a salvación e cambioume totalmente a vida». Os pais de José Pérez Iglesias emigraron a Venezuela cando era un cativo e el quedou na aldea, a cargo dunha avoa que tiña alzhéimer. «Veño dunha familia moi humilde. Na miña casa non había medios e o seminario deume a posibilidade de formarme e inculcoume unha serie de valores -como o traballo, o esforzo, o costume do estudo, o respecto e moitos outros-. Nunca tiven vontade nin vocación de ser crego, mais sempre lle estarei agradecido porque se non chego a pasar polo seminario estou certo que a miña vida tería sido moi diferente, e non para mellor».

Do seminario pasou ao Colexio Cisneros e de aí ao Otero Pedrayo, onde ía á quenda nocturna porque polo día traballaba en Pérez Rumbao. E logo xa foi cando estudou a carreira. Un percorrido que, ten claro, nunca faría de non pasar polo seminario.

«Ribadavia sempre tivo un problema cos seus líderes políticos e co inmobilismo»

José Pérez Iglesias coincide nesa valoración recurrente que incide nunha capital do Ribeiro que non dá superado a eterna loita coa perda de poboación e con tirarlle rendemento a un patrimonio, un entorno -ao pé do Avia- e unha situación estratéxica que deberían servir para dinamizar a vila. «Ribadavia sempre tivo un problema cos seus líderes políticos e o seu inmobilismo. É certo que poderíamos estar moito mellor que Allariz, pero a falta de gobernos estables non axudou a traballar nese senso».

Lembra que el decidiu retirarse cando chegou o momento mais sinala que un dos problemas que ten a política municipal da capital do Ribeiro «son moitos dos seus líderes políticos, que non aceptan a realidade e en lugar de retirarse adícanse a crear problemas aos seus propios compañeiros. Algún ata se propuxo de candidato á alcaldía con 85 anos e outros, de todos coñecidos, levan toda a vida argallando para non perder poder en lugar de favorecer unha alternativa e apoiala».

Quen é. Profesión. O seu lugar.

Quen é. José Pérez Iglesias naceu en Orega (Leiro) no ano 1952.

Profesión. É profesor de instituto. Foi director do IES O Ribeiro, alcalde de Ribadavia e presidente da Mancomunidade de Concellos do Ribeiro. Dende o ano 2012 é director do SEPE (Servicio Público de Empleo Estatal) en Ourense.

O seu lugar. O seminario foi a súa táboa de salvación. Nel accedeu á educación, formouse e rematou por facer unha carreira e adicarse ao ensino.

Votación
6 votos
Comentarios

«O seminario para min foi a salvación e cambioume totalmente a vida»