A MIT de Ribadavia abrirá coa estrea da montaxe «Commedia, un xoguete para Goldoni»

La Voz OURENSE / LA VOZ

RIBADAVIA

cedida

Agadic e o Concello asinaron o convenio polo cal a Xunta aporta 60.000 euros á Mostra

23 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi, sen dúbida de ningunha caste, unha das obras de maior éxito na historia do teatro galego. E 25 anos despois a nova versión de Commedia, un xoguete para Goldoni -outra volta con Cándido Pazo e unha boa parte do equipo que levara aos escenarios por primeira vez a montaxe- será estreada na xornada inaugural da MIT de Ribadavia deste ano. A Mostra da capital do Ribeiro celebra a súa edición deste ano entre os días 14 e 22 de xullo. Coa xornada de apertura e espectáculo elexido quedará «esbozado, ademais, o que será o fío condutor da edición deste ano, a commedia dell’arte, que se complementará coa aposta pola creación contemporánea internacional con espectáculos de directores de sona como Pippi Delbono ou Thomas Jolly», segundo se anunciou onte dende Agadic.

A Xunta aportará 60.000 euros

A montaxe que servirá para abrir a MIT 2018, e o papel que xogará a tradición da comedia del arte italiana, foron anunciados onte no transcurso da sinatura do convenio anual que ratifican Agadic e o Concello de Ribadavia. O mesmo foi anovado nun acto no que participaron o director de Agadic, Jacobo Sutil, e o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, e no que se anunciou unha achega da Xunta por valor de 60.000 euros para a Mostra. Co apoio á MIT, Agadic mantén o compromiso de «afondar na promoción do sector teatral galego», segundo Sutil.

No texto do convenio ratificado onte no salón de plenos do Concello de Ribadavia lémbrase que a Mostra «é un dos eventos máis importantes do sistema teatral galego, recoñecido pola Xunta co Premio da Cultura Galega 2013 na modalidade de artes escénicas, ao entendelo como o principal catalizador da refundación da escena galega na década dos anos setenta do pasado século».

Nacida en 1973 da man de Abrente, a MIT foi medrando ata se converter -segundo se recolle no documento- «na cita de referencia para o conxunto dos profesionais e afeccionados ao teatro non só de Galicia, senón tamén das comunidades limítrofes, que poden acceder deste xeito a propostas de prestixiosos artistas escénicos do panorama estatal e internacional, así como ás

creacións galegas máis innovadoras».