Gaña o BNG de Ribadavia

Xosé M. Rodríguez

RIBADAVIA

14 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Rematou o entroido e con el a anunciada moción de censura da capital do Ribeiro. O BNG foi a formación máis coherente en todo este tempo e púxolle o ramo a un proceso que tiña escandalizados, e avergoñados, aos principais dirixentes dos seus respectivos partidos en Galicia.

Os nacionalistas dixérono claro hai meses, cando abrollou a moción de censura como por arte de maxia no medio do debate dunha proposta sen vir a conto, e recuncan na súa postura. E póñeno claro, negro sobre branco, ao lembrar que non todo vale para conseguir o obxectivo e que non forma parte da filosofía nin do compromiso do BNG propiciar pactos co PP. Nin brincadeiras como a de «crear un goberno alternativo conformado por dúas persoas en esaxerada minoría». Matematicamente aínda é posible unha moción de censura -PP e Ribeiro en Común suman os mesmos concelleiros que PSOE e Compromiso- e a mesma deixaría ao BNG como xuíz dese novo escenario. Aínda que non semella que tal cousa se materialice.

O panorama que queda non é o mellor, aínda que si o necesario para que moitos dos grupos -agás Compromiso que asumiu a postura de socio prioritario do goberno- valoren cal é a súa estratexia para o que resta de mandato. Coa súa xestión o PSOE conseguiu pór de acordo a toda a oposición á hora de rexeitar a súa forma de exercer o goberno municipal. E tanto PP como Ribeiro en Común fixeron saltar as alarmas en Compostela polo seu pacto de contrarios para amosar que o fin si xustifica os medios.

Agora toca volver a empezar.