Ignacio Gómez: «Haberá alcalde, ou alcaldesa, do PSOE logo das próximas municipais»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

RIBADAVIA

Santi M. Amil

O rexedor considera un «escenario antinatural» un pacto de goberno de PP, BNG e Marea para censuralo

04 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que a cita é para facer balance do mandato e ver como afronta o tramo final do mesmo, antes das municipais de maio do 2019, o encontro con Ignacio Gómez (Ribadavia, 1972) está marcado pola convulsa situación política que se vive na capital do Ribeiro. O grupo de goberno socialista viu como a maioría da oposición -PP, BNG e Ribeiro en Común- rexeitou a súa proposta de orzamento para o 2018 e a moción de confianza vencellada ao mesmo. Ata o 1 de marzo estará aberto o prazo para presentar un equipo de goberno alternativo ao que el preside dende xuño do 2015. O PP xa ten cita co BNG para o vindeiro xoves e Ribeiro en Común fixo pública onte unha proposta para facer unha xuntanza dos tres grupos, en lugar das «reunións a dúas bandas».

-Por que apostou pola cuestión de confianza?

-Por responsabilidade. Poderíamos traballar cos orzamentos prorrogados, pero daquela quedarían sen acometer as melloras para os veciños ou o pago dos trienios aos traballadores do Concello, entre moitas outras cousas.

-Na cuestión de confianza prometeu lealdade se vai á oposición.

-Nós apoiaremos o orzamento que eles presenten, se hai goberno alternativo, e os proxectos que son prioritarios para a vila: PXOM -que o PP votou en contra, por certo-, centro de saúde novo, asilo e demais contarán co noso apoio.

-Haberá un goberno alternativo?

-Falamos dun escenario antinatural que só responde aos intereses de dous amigos de toda a vida. O portavoz do PP e o de Ribeiro en Común veñen do nacionalismo, e das manifestacións en Compostela contra as políticas dos populares, e cada un evolucionou ao seu xeito: o primeiro pasouse ao PP porque de algo había que vivir e o segundo xa sabemos como é. Propuxo unha moción de censura pedindo que o apoiaran para gobernar, xunto ao portavoz do BNG, e tamén ten falado de liderar un goberno alternativo. Agora di que nunca falou de ser alcalde polo ridículo que fixo ao propór unha moción de censura tendo un concelleiro, de trece. A min o que me gustaría é ver a cara de Feijoo cando lle digan que o PP de Ribadavia quere pactar coa Marea.

-Antes das eleccións sinalaba que o reto era dinamizar o parque empresarial.

-E conseguíronse cousas: investimos máis de 300.000 euros na mellora das instalacións, veu unha empresa para a nave que ocupara Monte Kalamua, a de estampados para a automoción ampliou e colleu a máis persoal, e hai algunha proposta máis. O urxente agora é que a Xunta acometa unha nova fase.

-Ao acceder á alcaldía falou, tamén o fixo no pleno do xoves, do PXOM. Como é posíbel que leven 23 anos agardando para aprobalo?

-A realidade de Ribadavia é complexa e iso foi sumando anos. Temos un casco histórico e un patrimonio impresionante, que cada ano atrae máis visitantes, pero iso tamén implica moitos informes de Patrimonio. E temos dous ríos, e estamos afectados pola A-52 e estradas nacionais. E todo iso implica que hai que contar cos informes dos respectivos organismos... son moitas cousas. Con todo temos que mirar para adiante, en dous ou tres meses estará na Xunta e logo será aprobado polo Concello. Daquela deixarán de estar en vigor as Normas Subsidiarias de 1986 e poderemos desenvolver moitos proxectos para dinamizar a vila.

-Entre eles o centro de saúde, de cuxo retraso na materialización o culpan a vostede?

-Iso é demagoxia pura e sábeno. O Concello mercou os terreos e están a disposición da Xunta. Por que non se fai? Porque aquí goberna o PSOE dende o 2003 e o que fan é usar todos os medios para boicotearnos. Se gobernase o PP hai anos que estaría feito o novo centro de saúde.

-Recuncará como candidato?

-Iso agora non toca, hai outras prioridades. Aínda que teño clara unha cousa: haberá alcalde, ou alcaldesa, do PSOE logo das próximas eleccións municipais.

«Termas de Prexigueiro é un dos proxectos chamados a dinamizar a vila»

Ignacio Gómez leva anos vencellado á corporación de Ribadavia. Asumiu a responsabilidade de varias concellerías e foi candidato nas municipais do 2015 logo de anunciar o que daquela era alcalde, Marcos Blanco, que daba por rematada a súa etapa como rexedor municipal. É deputado provincial e foi portavoz do PSOE na Deputación de Ourense.

-Por que non chegaron a acordos ao comezo do mandato?

-Pola sinxela razón de que ninguén quixo entrar no goberno. Xuntámonos con todos os grupos que podían estar nesas condicións, e non aceptaron. No seu día PSOE e BNG gobernaron xuntos en Ribadavia e creo que se fixo daquela un bo traballo.

-A recuperación da zona histórica sigue a ser un dos obxectivos?

-Sen dúbida. Esta mesma semana aprobáronse tres proxectos para rehabilitar vivendas. Non son os mellores tempos, antes había moitas máis axudas, pero darlle vida ao noso casco histórico é garantía de futuro.

-A diferenza doutras vilas a Ribadavia cústalle mirar ao río.

-É certo que outros o fixeron primeiro, pero nós traballamos nesa liña dende hai anos. A aposta pola Veronza foi nese camiño e o novo PXOM contempla unha grande zona deportiva xunto ao río. E nesas actuacións das que falaba antes estamos ultimando unha proposta, con fondos europeos, para un edificio que temos xunto ao paseo do Avia.

-Vencellado ao plan urbanístico tamén está a oferta termal?

-As Termas de Prexigueiro son un dos proxectos que está chamado a dinamizar a vila. Agora van ampliar a oferta cun restaurante e estamos pendentes da presentación da proposta para construír oito cabanas e un pequeno hotel con vintecinco habitacións. Para Ribadavia o turismo termal é fundamental e niso traballamos, para potencialo.