Avida política da capital do Ribeiro é un ecosistema que debería ser estudado a fondo por algún que outro sociólogo ou politólogo. Aínda que a forza de ser sinceiros habería que recoñecer que non son poucos os concellos que darían para un excelente traballo canónico. Ao longo destes anos -«desde que llegó la democracia», como di unha socialista de moito coche oficial e escaso percorrido histórico- xa se ten visto de todo: concelleiros matacáns, adiantados de Bansky cunha arte tóxica no manexo dos anónimos e das pintadas, matuteiros, representantes do goberno autonómico na corporación local... Ata houbo unha colleita adoecida na que un alcalde lexítimo, Miguel Fidalgo, foi arrombado por unha noxenta moción de censura (1989) e a vítima converteuse logo en verdugo (1992) botando da cadeira a José María Vázquez Pérez.
Outro Fidalgo, fillo do damnificado que logo foi censurador, reclama agora dende a corporación municipal de Ribadavia unha manobra como a que botou ao seu pai -e logo o repuxo no cargo- dende unhas condicións máis propias dunha das charangas que protagonizarán a festa da despedida da carne e da mofa da orde establecida que campan nestes tempos de entroido. Cun concelleiro, dun total de trece, o representante da Marea xa se postulou en novembro e volve facelo agora para ser o próximo alcalde de Ribadavia. O escenario é doado: ou optan pola abstención 12 dos 13 concelleiros (opción primeira) ou apoian as teses de Ribeiro en Común o representante do BNG e os cinco do PP -opción segunda-. Esta si que é unha de Marx; Groucho non Karl. As comedias!