
O galardón a título póstumo será para o padre Damián Yáñez
11 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.O profesor de artes escénicas e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual, e o promotor de entidades e eventos deportivos Manuel Blanco Guerra serán as persoas que recollerán o vindeiro día 24 os galardóns Arenteira, os premios que concede o Aparthotel Arenteiro. O terceiro recoñecemento, a distinción que se concede a título póstumo, será para o que durante décadas foi bibliotecario do mosteiro cisterciense de Oseira: o padre Damián Yáñez Neira.
Os premios, que chegan desta volta á súa sexta edición, foron creados polo Aparthotel Arenteiro para «destacar o labor de persoas, entidades e institucións no ámbito cultural e deportivo nas comarcas do Carballiño e do Ribeiro». A decisión do xurado foi anunciada onte nunha rolda de prensa na que participaron Uriel Bernárdez, da sociedade promotora do premio, e Xosé Luis Sobrado, do Centro de Estudios Chamoso Lamas da Comarca do Carballiño. Sobrado Pérez salientou a unanimidade dos votos nas valoracións dos candidatos, «o que facilitou o labor do xurado», destacando os apoios recibidos tanto por Roberto Pascual como por Manuel Blanco. Lembrou tamén o gran esforzo de Fray Damián Yáñez na restauración do mosteiro de Oseira e na posta en marcha da biblioteca, así como o seu traballo como investigador. O galardóns serán entregados o día 24 no Aparthotel Arenteiro.