Melloras para a MIT

Xosé M. Rodríguez ANACOS

RIBADAVIA

27 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai proxectos que sempre afrontan novos retos para escribir un futuro mellor. A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia é un claro exemplo. As hemerotecas recollen o balance que se facía en xullo de 1997 e daban conta dun peche de festival no que se contabilizaban uns cinco mil espectadores. Vinte anos despois a Mostra ten consolidada unha participación tres veces superior e mira de afrontar novos retos e escenarios.

Primeiro da man do colectivo Abrente, logo baixo a dirección de Rubén García e agora coa coordinación de Roberto Pascual, a Mostra converteuse no referente da escena galega e conta cada vez cunha maior repercursión internacional. O seu director aproveitou a valoración da MIT 2017 para poñer enriba da mesa algunhas das iniciativas que se poderían afrontar de cara ao futuro e, ao tempo, os retos próximos a materializar.

Darlle unha maior duración temporal á programación podería ser unha das propostas de futuro, logo dun perfil da MIT que semella claro: público fiel, espectadores circunstancias que se achegan ao Ribeiro para ver algunha montaxe concreta, aposta internacional e punto de encontro para os profesionais da escena, con obradoiros a cargo de recoñecidos dramaturgos.

No capítulo de intendencia semella que non se pide nada fóra do normal dende a organización da Mostra cando se está a falar de mellorar as instalacións que acollen as propostas da MIT. Ribadavia é a capital teatral de Galiza e todas as melloras coincidirán na potenciación dese recoñecemento histórico.