Raigame e o orgullo da galeguidade

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez VILANOVA DOS INFANTES / LA VOZ

RIBADAVIA

MIGUEL VILLAR

O Museo do Pobo Galego e a romaría vincúlanse a través do premio Adolfo Enríquez

18 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Novos vínculos cos galegos do pasado, co presente e co futuro. A romaría Raigame volveu festexar as tradicións e os antigos oficios galegos mesturando a cultura coa festa. O Museo do Pobo Galego, polos seus corenta anos, foi o protagonista do acto institucional e o vicepresidente do seu padroado, Francisco Fariña Busto, lembrou no discurso de recollida do premio Adolfo Enríquez que o museo quere ser una mirada sobre «a galeguidade, na que todos os galegos, do pasado, presente e futuro» se podan reflectir. «Temos que sentirnos orgullosos da nosa propia galeguidade», reivindicou Fariña.

Fariña dixo que a institución ten vínculos non remotos con Raigame. Lembrou que un dos patróns, Xosé Antón Fidalgo Santamarina, promoveu a festa e fixo un estudo dos oficios de Vilanova. Organizadores e museo desexan que o vínculo se traduza en colaboracións, como xa acontece co Museo Etnográfico de Ribadavia, que prestou material para a sala de cinema Carlos Velo, acondicionada nun baixo da praza Maior, e onde onte se pasaron documentais. María Xosé Fernández, subdirectora do museo -institución que ten 1.500 socios- gabou a «dimensión participativa» de Raigame, pola xente vestida que contribúe á manifestación folclórica e ao vínculo co patrimonio galego. «Raigame é representación en vivo do museo», manifestou o alcalde celanovés, José Luis Ferro.

A afluencia de público foi alta, con moito seguimento das actuacións dos grupos de danza e con animación das rúas para gozar da gastronomía, da artesanía e da música.