O Teatro Municipal de Vilna, de Lituania, representa «A Gaivota»

La Voz

RIBADAVIA

Santi M. Amil

A MIT acolle un encontro centrado nas propostas e iniciativas que se dan no teatro de rúa

23 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 12.00, 19.30, 20.00, 21.00 e 23.00 horas • San Cristovo, Oficina de Turismo, Francelos e castelo (respectivamente) • A MIT ofrece unha xornada chea de actividades e propostas antes de encarar o día de clausura. Unha das propostas máis agardadas da Mostra 2016 é a representación que vai ter lugar esta noite no auditorio do castelo de Ribadavia. Ás 23.00 horas o grupo Oskaras Korsunovas Theatre (OKT, Teatro Municipal de Vilna) porá en escena a súa versión de todo un clásico de Antón Chéjov: «A Gaivota». Para o director da montaxe, Oskaras Korsunovas (Vilna, 1969), escenificar a Chéjov é «diagnosticar as enfermidades do noso tempo, as pingas da nosa alma, empregando entoacións coma escalpelos». O responsable da adaptación que hoxe se pode ver na capital do Ribeiro considera que «a vida non pasa polas pezas de Chéjov, a vida ábrese para os personaxes e para o público con toda a potencia do seu amor e do seu horror existencial». «A Gaivota» está protagonizada por Nele Savicenko, Martynas Nedzinskas, Darius Meskauskas, Agnieska Ravdo, Kirilas Glusajevas, Airida Gintautaite, Rasa Samuolyte, Darius Gumauskas, Dainius Gavenonis

e Giedrius Savickas e tanto a dirección como o espazo escénico son de Oskaras Korsunovas.

A montaxe da compañía Lituana ten unha duración de tres horas, cun descanso, e debido a esta circunstancia o obradoiro do espectador celebrarase antes da representación. Comezará as 21.00 horas no lugar fixado para estas citas: o patio interior da Oficina de Turismo de Ribadavia.

Un Quixote polos pobos

O programa de hoxe tamén inclúe dúas propostas vencelladas á sección SputMIT. As mesmas estarán protagonizadas pola compañía Limiar Teatro e a súa montaxe escénica «Don Quixote, unha comedia gastronómica». A obra, definida como unha proposta que mestura «narración oral, manipulación de obxectos e cociña en directo para dar lugar a esta exitosa versión gastronómica de Cervantes», representarase ás 12.00 e ás 20.00 horas, en San Cristovo e Francelos respectivamente.

A outra actividade de hoxe é o encontro centrado nas propostas do teatro de rúa. O certame de Ribadavia apostou este ano por xuntar a representantes de grupos que apostan por esta oferta para analizar a realidade do sector.