A Mostra volta a Matarile, á rúa e un novo Don Juan

La Voz

RIBADAVIA

firma AGENCIA

A compañía valenciá Visitants achégase coa súa proposta «Lluvia de palabras» á obra de Manuel María

22 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia encara a súa recta final e faino cunha fin de semana chea de actividades e propostas. A MIT dálle este ano un protagonismo especial a Matarile Teatro, que está a celebrar os seus trinta anos de historia, e logo da estrea de onte hoxe os espectadores poderán ver a montaxe Teatro invisible. A representación, como o resto dos espectáculos de Matarile Teatro na MIT 2016, terá lugar na igrexa da Madalena (21.30 horas).

Antes da cita coa compañía galega, ofrecerase a montaxe de Visitants Lluvia de palabras (20.00 horas). Trátase dun espectáculo intinerante que percorrerá as rúas da vila, partindo da Praza Maior de Ribadavia. A proposta do grupo é novidosa, xa que «Lluvia de palabras achégase aos poemas de Manuel María coa perspectiva dunha compañía valenciá e o tema da violenci de xénero, un dos eixos temáticos desta MIT 2016».

No auditorio do castelo protagonizará a convocatoria a compañía catalá Pelmànec e a súa proposta escénica Don Juan. Memoria amarga de mí. A representación comezará ás 23.00 horas. O proxecto de Pelmànec achega ao espectador «un Don Juan vello, esgotado por unha longa e disoluta vida, e burlado pola morte que lle escapa» e que decide retirarse a vivir a un convento franciscano para agardar que se cumpra o seu destino». Ao remate haberá coloquio coa compañía no patio interior de Turismo.