A Mostra estrea a montaxe sobre a obra gañadora do Premio Abrente

La Voz

RIBADAVIA

marcos creo

«Voaxa e Carmín» está protagonizada polas actrices Belén Constenla e Mabel Rivera

19 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia acolle esta noite unha sesión especial. Por dúas circunstancias que teñen que ver coa propia esencia da MIT: por ser unha estrea e polo feito de tratarse dunha montaxe sobre un texto vencellado á propia Mostra; o orixinal que foi distinguido o pasado ano co Premio Abrente de Textos Teatrais.

No auditorio do castelo poderase ver esta noite (23.00 horas) a obra Voaxa e Carmín, o orixinal de Esther F. Carrodeguas que se levou o Abrente 2015. Unha historia con dúas protagonistas ben coñecidas, tanto na realidade na que se inspira o texto como no referido ás actrices que estarán na estrea da MIT. Maruxa e Coralia foron ben populares e recoñecidas en Santiago de Compostela. As dúas irmáns, alcumadas popularmente como As Marías, agochaban co seu xeito de vida estrafalario a traxedia dunha familia marcada pola represión franquista. Ironías da vida, As Marías son dende hai anos un dos referentes de Compostela e o grupo escultórico da Alameda de Santiago é unha das imaxes de referencia da cidade e un dos lugares onde máis se tiran fotografías os turistas. Aos que lle fixeron mal á súa familia tragounos o burato negro do silencio.

 

 

 

Segundo se recoñece dende a MIT, no texto do seu catálogo, Voaxa e Carmín «é unha comedia terrorífica que dá voz a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, coñecidas como As Marías de Santiago de Compostela. Son moitas as persoas que día a día se fotografan coa estatua que as representa no paseo da Alameda, mais... saben esas persoas a crúa historia que hai detrás delas?».

 

 

Mentres viviron, as irmáns Fandiño saían cada día da súa casa «maquilladas ata a extenuación e vestidas a toda cor» para dar o seu paseo das dúas da tarde polas rúas compostelás. O costume diario era sempre o mesmo: «Pasear, saudar, mercar Sansón e galletas María, piropear aos mozos, insultar ás mozas...».

 

Coprodución coa MIT

Dende hai uns anos a Mostra participa dunha nova faceta, a de promover a posta en marcha dalgunhas montaxes teatrais.

Voaxa e Carmín

é unha coprodución de Butaca Zero, Eme2 e a MIT de Ribadavia e a posta en escena do texto de Esther F. Carrodeguas foi dirixida por Xavier Castiñeira.

 

As actrices que se convertirán esta noite en Coralia e Maruxa son dúas artistas cunha ampla traxectoria profesional, tanto nos escenarios como en cine e televisión. Belén Constenla e Mabel Rivera son as protagonistas dunha proposta na que tamén participa outro histórico do teatro galego; Marcelino de Santiago

Kukas

foi o encargado do deseño do espazo escénico.

 

Entre outros, tamén traballaron no proxecto que hoxe se estrea Roi Fernández (videocreación), Javier Quintana (iluminación) e Trini F. Silva (vestiario).