A MIT 2016 destacará a ollada feminina da creación escénica

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

RIBADAVIA

antonio cortés

A Mostra presentou a imaxe corporativa en Prexigueiro

11 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia incidirá este ano na súa programación na ollada en feminino da creación escénica, nas novas tendencias do panorama teatral actual e na aposta pola confluencia «de grandes mestres da creación escénica cos novos valores dos creadores e creadoras». O programa da MIT 2016 será presentado nos vindeiros días, concretamente o 21 de xuño, e o acto desenvolverase na Cidade da Cultura, en Compostela.

A Mostra, que se celebrará entre os días 16 e 24 de xullo en Ribadavia, presentou onte a súa imaxe corporativa para esta edición nas instalacións das termas de Prexigueiro, un dos novos patrocinios da MIT segundo sinalou no acto o seu director, Roberto Pascual. Na convocatoria participaron, entre outros, o alcalde de Ribadavia, a concelleira de Cultura e Diego Valeiras, o responsábel de deseño e imaxe do certame escénico da capital do Ribeiro.

 

Sinal de identidade

Segundo se explicou no acto celebrado no recinto balneario de Ribadavia, a liña estética da MIT 2016 «desenvólvese arredor dun cartel que incide na tendencia da marca e da identidade da mostra ao longo destes últimos anos, apostando polas plantas dos teatros mesturadas con diferentes imaxes e gravados, o que sinala a relavancia do Auditorio do Castelo como principal escenario, polo que pasan máis de 10.000 espectadores en cada edición». Ademais do cartel, segundo se indicou onte, os espazos que acollen o festival e todos os elementos de comunicación do mesmo estarán relacionados coa imaxe corporativa presentada.

No traballo desenvolvido por Diego Valeiras, segundo se sinalou na presentación, destaca «o emprego dunha ornamentación renacentista cunha máscara feminina, similar á que se pode atopar en diferentes teatros barrocos e neoclásicos de todo o mundo, presidindo as entradas dos edificios ou como parte decorativa dos interiores. A esa máscara engádeselle, como é habitual e marca da casa da MIT, a planta dun teatro, neste caso o Teatro Marcello de Roma».

O director da Mostra avanzou onte que a MIT ofrecerá un interesante programa «co criterio de escolma de espectáculos internacionais, galegos e do resto do Estado» que serán primicia en Galicia na maior parte dos casos.