«A xubilación é un acto administrativo; o cerebro non se xubila nunca»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

RIBADAVIA

Santi M. Amil

O exdirector do Museo Etnolóxico de Ribadavia destaca o traballo coas fontes orais e a imaxe feito nestes anos tras case un cuarto de século ao fronte do museo

29 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Carlos Sierra (Pontevedra, 1950) leva unhas semanas desfrutando da súa condición de xubilado. Unha nova fase que só significa que non ten horarios que cumprir; polo demais xa está mergullado en proxectos e iniciativas, traballos de investigación e outras propostas que quere sacar adiante nos próximos meses. Botou 41 anos de carreira profesional: adicouse ao ensino universitario, foi director do Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela e entrou no ano 1991 no Museo Etnolóxico de Ribadavia, centro do que foi director dende 1993 e onde se acaba de xubilar. O seu posicionamento ao respecto está claro: «A xubilación é un acto administrativo; o cerebro non se xubila nunca, agás cando o fai a bioloxía».

-Foise case que coa celebración do trinta aniversario do museo.

-Efectivamente o centro funciona de forma continua dende o ano 1986, agás o tempo que permaneceu pechado por obras entre 1998 e 1999, aínda que a súa orixe é moi anterior.

-¿De cando estamos a falar?

-O museo como tal naceu en 1969 da man de Chamoso Lamas. Nos anos setenta fixéronse as obras de remodelación e entre 1980 e 1986 abriu esporadicamente.

-¿Cantos anos botou no mesmo?

-Entrei en 1991 e en 1993, que foi cando o museo se segregou do Arqueolóxico Provincial de Ourense, concursei á nova dirección.

-Vintecinco anos no museo, case que a maior parte deles de director, dan para moito.

-Traballouse arreo e fixéronse moitas cousas. Ao principio eramos catro gatos pero pouco a pouco fomos conseguindo cousas: redefiniuse a imaxe, o nome e os contidos -fuxindo da tipoloxía que fai destes centros case máis museos históricos ou arqueolóxicos que etnográficos-, creamos unha importante base documental -pasamos das 300 ou 400 unidades de rexistro a máis de 60.000, grazas ao excelente traballo da bibliotecaria Rosa Lamas- e incorporamos ao museo elementos do patrimonio cultural que non tiñan moita tradición na museistica, tanto galega como española, como o da fonte oral e o tema da imaxe.

-¿Como naceu a aposta pola fotografía?

-Cando saía ao campo sempre levaba a cámara e facía fotos daquilo que consideraba de interese. Logo, dende a Asociación de Amigos do Museo, incorporamos imaxes que nos foron cedendo os veciños para escanear e máis tarde conseguimos xa arquivos fotográficos importantes.

-¿Cales?

-O museo conta co arquivo Chao, co de Chico Sotelo -que é unha colección pequena pero interesantísima-, unha parte do de Pacheco, o de Llanos, o de Bene -o fotoxornalista Benedicto Conde- e imaxes da Asociación Fotográfica de Ribadavia.

-¿De que fondo dispoñen?

-Temos preto de 600.000 unidades. Hai que ter en conta que arquivos como os de Chao ou Llanos xa superan cada un as 100.000 referencias.

-¿Por que a imaxe?

-Aínda que se tiñan feito cousas, estaba abandoada a faceta da imaxe como portadora de información e como discurso. Estamos falando de antropoloxía visual e tamén de fotoxornalismo, xa que non debemos esquecer que as grandes reportaxes neste senso nacen nos EE. UU. co traballo dos fotógrafos no interior do país para documentar as consecuencias da crise da gran depresión sufrida logo de 1929.

-¿A asignatura pendente é o Museo Galego do Viño?

-O Museo Etnolóxico ten carácter provincial, é o seu territorio segundo o define a Lei do Patrimonio de Galicia, aínda que loxicamente está ubicado xeograficamente nunha comarca con moita personalidade e moi definida. De aí naceu a proposta de crear un museo propio para o viño, tanto da provincia como do resto de Galicia, e efectivamente foi algo que non se materializou.

-¿Por que se seguen sumando os retrasos na apertura?

-A Xunta de Galicia desestimou o noso proxecto do Museo Galego do Viño. Eu coordinei un equipo multidisciplinar e a finais do 2009 ou comezos do 2010 quedou presentado o plan museolóxico e o proxecto museográfico. A proposta supoñía un investimento de entre 1,2 e 1,5 millóns de euros -falo de memoria- e a Xunta encargou outro proxecto a unha empresa co único obxectivo de reducir o custe a unha terceira ou cuarta parte. Esa é a explicación.

xosé carlos sierra rodríguez exdirector do etnolóxico de ribadavia

«O abandono do medio rural representa o fracaso de Galicia como sociedade»

Sierra non dubida e as afirmacións son sempre categóricas. Ten claro que o mellor de todos estes anos no museo «e o que sempre me causou unha satisfacción especial foi traballar en todo momento cun equipo de xente extraordinaria, en todos os planos e categorías, dos técnicos aos vixiantes». Na conversa lembra á súa predecesora, Marisa Fernández -actualmente en Vilalonga-, a Fariña -director do Arqueolóxico, do cal era sección o espazo da capital do Ribeiro na súa fase inicial- e son constantes as referencias ao personal do Etnolóxico -César Llana, Rosa Lamas, María José Ruiz...-. Xunto ao Museo Galego do Viño queda pendente a remodelación integral do Etnolóxico e o novo proxecto museolóxico, aínda que non cre que as actuacións teñan un horizonte próximo.

-¿Como lembra a súa faceta institucional?

-Non ten relevancia na miña vida. Botei 41 anos, entre a docencia e como facultativo de museos, e nese cometido pouco máis de tres anos: tres como delegado de Cultura e seis meses como secretario xeral da Consellería. Foi unha etapa da que gardo un gran recordo pola xente que coñecín, tanto na delegación como nos concellos e nos colectivos. Aceptei polo compromiso persoal, pero sabía que era temporal porque tiña proxectos que deixar pechados no museo.

-¿Dende o seu activismo político como ve a situación actual?

-Estou expectante, máis que desencantado. A miña conciencia nacionalista e de esquerdas agarda que esas variables sirvan para sacar adiante proxectos diferentes que se vertebren sobre o sector público, como elemento dinamizador. E desexo que se resolvan os dous problemas centrais deste país: a crise demográfica e o abandono do medio rural, que representa o fracaso de Galicia como sociedade.