Secundino Lorenzo: «Non hai alumnos malos»

RIBADAVIA

Os ríos, a través de varias webs de divulgación e denuncia, copan o tempo de Secundino.
Os ríos, a través de varias webs de divulgación e denuncia, copan o tempo de Secundino. miguel villar

Informático e ambientalista, segue preferindo a docencia das Matemáticas. Elixe o río Miño como un dos seus espazos predilectos

27 nov 2015 . Actualizado a las 14:09 h.

Semella apaixonado e metódico, así que non resulta difícil imaxinalo coma un espléndido profesor de Matemáticas, capaz de estruturar exposicións numéricas co ímpeto necesario para captar o interese adolescente.

Demostrouno durante 38 anos, primeiro no instituto de Ribadavia, onde chegou en 1968, e despois na illa da Palma e nas Lagoas. No centro ourensán permaneceu 27 anos, ata a xubilación, e alí foi pioneiro en dar clases de Informática, cando o sistema operativo, lembra, «era aínda o CPM e se traballaba con diskettes e, ás veces, con cinta».  Foron case catro décadas de docencia, pero tamén de empresa. Cun colega das Lagoas, Alfonso Amorín, montou a firma informática Edisa, que acaba de celebrar o seu 32 aniversario con máis de 200 empregados.

Malia o indubidable éxito empresarial, Chicho -o alcume vénlle de cando era porteiro de fútbol en Salesianos- asegura que a súa alma é docente. No repaso a todas as súas afeccións, ratifícao con seguridade: quédome coa docencia. Non só o di. Demostrouno abandonando Edisa antes que o instituto: «Eu quería xubilarme totalmente, tiña outras miras. Hai xente que se xubila e abúrrese e outros que non temos horas no día». A el o tempo chégalle, a duras penas, para viaxar, para pescar troitas -«aínda que os ríos agora están de pena»-, para organizar saídas á natureza cos antigos colegas e alumnos de Ribadavia; para seguir a afección micolóxica que o levou a cofundar a sociedade Os Cogordos; para dedicarse á fotografía, para ler, para ver fútbol e para manter activas ata cinco páxinas webs que delatan as súas filias e as súas grandes preocupacións: os ríos galegos, a aldea mergullada de Alberguería, os antigos alumnos de Ribadavia (Exaprin) e Salesianos, a pesca da troita e, con significativo título, Ourense natural, broma ou realidade. «É unha mágoa -di- que o día non teña máis horas».