ANACOS | O |

11 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O chamado Ano da Memoria está a percorrer o calendario cunha chea de iniciativas que, mal que lle pese, non serán quen de facer xustiza a tanta causa pendente e á morea de historias persoais e familiares que estaban a par de nós, como tocóns, agardando que alguien lles dese vida. Un deses proxectos agromou hai días nas Terras de Celanova. Ir ó Furriolo ou ir «ás claudias», como lembra Ferrín, en calquera outro lugar desta provincia, de Galicia ou de calquera punto do Estado, só era sinónimo da barbarie e do pior que pode sair das persoas cando soterran a condición humana para imitar ás bestas. Na Bola, no alto do Furriolo, as xentes da asociación Arraianos, escritores, políticos, familiares de fusilados ou desaparecidos, exiliados e investigadores rendiron homenaxe ós represaliados ó tempo que se descubriu un mural de homenaxe creado por Xosé Vizoso. Co profundo respecto e recoñecemento que poden merecer, e merecen, figuras como as que alí estiveron e que alí interviron, non se pode menos que reparar na persoa de César Álvarez, concelleiro de Gomesende no fatídico ano de 1936 e a persoa que subiu ó Furriolo a buscar o corpo do seu alcalde fusilado. Con 96 anos e aínda coa lembranza das palizas recibidas no 36, o paso pola cárcere de Ourense -entón un destacado centro de represión e tortura- e a marxinación sofrida, o vello militante da Fronte Popular resumía a historia con dúas sentenzas que non poden pasar desapercibidas á hora de valorar os posicionamentos que se están a facer sobre o Ano da Memoria. O vello ex concelleiro lembraba que «eu non matei. Se mataba era coma eles» e que foi a Ribadavia a agradecerlle as xestións a quen o sacara do cárcere; cando lle preguntaron se se volvera de dereitas respostou: «Este home salvoume de morrer». Sen máis.