Uxía, Gayoso e Lois Antón recibirán os premios Rebulir de Cultura Galega en Ramirás

La Voz OURENSE / LA VOZ

RAMIRÁS

A asociación cultural distingue a persoas que traballan pola difusión e posta en valor da cultura

19 sep 2017 . Actualizado a las 17:26 h.

A asociación cultural Rebulir, de Ramirás, que organiza desde o ano 2012 os Premios Rebulir de Cultura Galega, entregará este ano durante o seu festival de Nadal os galardóns á músico Uxía Senlle, ao presentador da TVG Xosé Ramón Gayoso e ao poeta local, Lois Antón Pérez.

O nome dos premiados deste ano decidiunos un xurado, de forma unánime, nunha xuntanza celebrada o 31 de agosto na Deputación, pero o contido da acta deuno a coñecer onte a asociación cultural.

Na categoría de música galega, concédeselle o galardón a Uxía Senlle «ola súa longa e prolífica traxectoria no eido da música galega, proxectada alén das fronteiras do noso territorio». No apartado de cultura galega, o premiado deste ano é Xosé Ramón Gayoso «por ter contribuído a difusión e a posta en valor da cultura galega desde a plataforma audiovisual que supón o programa Luar da TVG». E na categoría de homenaxe, o distinguido é Lois Antón Pérez, «como recoñecemento a unha vida persoal e profesional adicada a literatura galega, en e desde Ramirás».

Un dos aspectos que defenden estes premios é a proxección do nome de Galicia «alén das súas fronteiras», ademais de recoñecer a persoas ou colectivos que contribúan á difusión da cultura galega nas súas distintas manifestacións.

A entrega dos premios farase durante a gala central de Rebulir, que será no mes de decembro, concretamente o día 16, no polideportivo do Picouto, en Ramirás. Daráselles un diploma e unha estatuíña feita por algún artista galego.