Premio para Espazo Lusquiños e o Museo do Viño de Galicia

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

RAMIRÁS

santi m. amil

Galardóns do COAG para vivendas en Ramirás e Ourense

08 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Catro proxectos ourensáns foron premiados dentro do certame Gran de Area 2016, unha convocatoria promovida polas delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). O xurado diu a coñecer onte o seu fallo e dos once premios concedidos catro corresponden a proxectos desenvolvidos na provincia. As actuacións salientadas polos profesionais da arquitectura son dúas obras públicas e dúas vivendas.

Unha das actuacións recoñecidas cos premios Gran de Area 2016, a única sen uso polo de agora, é o proxecto de intervención na antiga rectoral de Santo André de Camporredondo (Ribadavia) para transformar este espazo patrimonial no futuro Museo do Viño de Galicia. Os arquitectos que participaron nesta actuación foron Manuel Seoane Feijoo, María Jesús Blanco Piñeiro e M. Sonia López Calvo.

A outra obra pública recoñecida polos profesionais da arquitectura cun dos seus premios é o Espazo Lusquiños de Ourense. A transformación dun antigo edificio da estación de ferrocarril do barrio de A Ponte en lugar de encontro para os mozos da cidade -con salón de actos, zona de xogos, local de ensaio para grupos de música, espazo de reunións e outros servizos- foi unha proposta creada polos arquitectos Carlos Mosquera Rey Palacio, Alberte Pérez Rodríguez e Enrique Iglesias Lima.

Piso na cidade e unha casa

As dúas vivendas galardoadas nos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2016 foron un piso na rúa Santo Domingo, iniciativa da que é autor Pablo López Prol, e unha vivenda no complexo residencial de Ramirás. Neste último caso trátase dunha actuación que xa ten conseguido varios premios nos últimos anos: a vivenda sobre o río Miño do arquitecto ourensán Manuel Jorreto Díaz.

Os once proxectos recoñecidos pola convocatoria das delegacións do COAG en Pontevedra, Vigo e Ourense son intervencións que se levaron a cabo en A Guarda, Baiona, Ribadavia, Vigo e Ourense.

A iniciativa dos colexios de arquitectos do sur de Galicia «supón un recoñecemento ao labor -conxunto e tan necesario- de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade -arquitectos, promotores, construtores e aparelladores-. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha ‘pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna’».

Á cita do 2016 presentáronse 67 proxectos e o xurado valorou «a totalidade das propostas presentadas e os aspectos concretos que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio».

Entrega en Pontevedra

Os Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2016 serán entregados o vindeiro día 21 de outubro. O acto desenvolverase no Café Moderno de Pontevedra (ás 18.00 horas).