«O Medievo é un pozo de historias»

RAMIRÁS

xoán carlos gil

O autor vigués presenta en Ramirás unha novela situada no mosteiro de San Pedro

03 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O desaparecido mosteiro de San Pedro de Ramirás -do que hoxe só queda a igrexa- é o espazo no que o escritor Ramón Nicolás (Vigo, 1966) sitúa a súa primeira novela, O espello do mundo (Xerais, 2016). Logo dunha ampla traxectoria como profesor, tradutor e crítico literario, o autor intérnase na narrativa para contar a historia do saber das mulleres abadesas do medievo galego. Ramón Nicolás presenta hoxe (20.30 horas) o libro no local social de Escudeiros (Ramirás) nun acto no que estará acompañado polo presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, por Manuel Bragado, director de Xerais, e polos escritores e profesores Xoán Carlos Domínguez Alberte e Carlos Méndez.

-Aínda que ten traballos anteriores como ensaísta e crítico, esta é a súa primeira novela?

-Si. É a primeira novela, como texto narrativo longo. Hai xa bastantes anos publicara algún relato curto, nun libro que nalgunha medida está relacionado con este. Na biografía de Celso Emilio Ferreiro que publiquei hai catro anos facía un exercicio de ficción. Deses capítulos que ficcionalizaba sobre asuntos que lle puideron pasar a Celso Emilio vén esta novela.

-Por que escolleu o mosteiro de Ramirás para a historia?

-O entorno arredor do cal xira a intriga é mosteiro que houbo ao lado da igrexa de San Pedro de Ramirás. Hoxe non hai mosteiro, pero hai documentos que explican que foi un mosteiro feminino. A inspiración parte de aí. Nalgún sentido é unha reflexión sobre o que foi noso patrimonio e a súa desaparición.