Maxia negra contra a natureza ourensá

sUSANA rODRÍGUEZ FARIÑA SUSTINEA

RAIRIZ DE VEIGA

No disponible

Sustinea alerta da necesidade de traballar para evitar cambios nos montes, parques e ríos da provincia

05 feb 2019 . Actualizado a las 20:33 h.

Só con poñer un pé na fraga sentimos como a maxia dos nosos devanceiros e devanceiras comeza a ascender polos vasos sanguíneos, irrigando cada unha das nosas células. Un sentimento extraordinario apodérase dos latexos do corazón, facendo que a sístole e a diástole marquen o tempo dunha melodía interpretada por instrumentos de vento e de percusión. O movemento das follas, o piar dos paxaros, o murmurio dalgún mamífero pequeno agochado... Unha caixa de música que cando a abres atrapa os teus sentidos. E é que Galicia é a terra dos bosques sagrados, onde as árbores son símbolo da resurrección da vexetación.

Segundo as lendas celtas, os seus deuses foron expulsados do ceo ás fragas, sendo moitos deles consagrados nas formas naturais que se observan. Polo tanto, entre os elementos que máis respectaban atopamos as árbores e os animais. E a verdade é que resulta imposible non outorgarlle, alomenos, certa maxestuosidade a árbores tan emblemáticas coma o carballo (quercus robur); a especie arbórea máis venerada dos bosques galegos atlánticos. Denominada «a árbore da vida», simbolizaba o poder e a forza dos heroes e das heroínas. Tal era a súa importancia que os propios druídas eran coñecidos como «os homes dos carballos», existindo a crenza de que cando morrían se reencarnaban neles. Se queremos embriagarnos da maxia e a soberanía dos carballos, en Ourense non resulta difícil atopalos... pero, sen dúbida, un dos máis espectaculares é o carballo da Rocha en Rairiz de Veiga (A Saínza), de case medio milenio de antigüidade e considerado monumento natural de Galicia.

Outra das árbores máis importantes para os druídas era o o bidueiro (betula pubescente). Debido a que é o primeiro en cubrirse de follas durante a primavera, foi considerado como símbolo de comezo, asociándose, por exemplo, aos ciclos menstruais ou ao nacemento. En Ourense, unha representación da maxia desta árbore podemos atopala no Bidueiral de Montederramo, unha paraxe espectacular na que perderse, no seo da Serra de San Mamede.

Obviamente, falar de Ourense implica ter en conta o castiñeiro (castanea sativa). O seu froito, a castaña, era considerado o alimento das defuntas na súa viaxe ao máis alá. Que sería de nós sen o magosto? Como exemplo da maxia dos soutos podemos desprazarnos a Parada do Sil, onde engalana a espectacular paisaxe o castiñeiro senlleiro de Entrambosríos, unha árbore emblemática e chea de historia.

Pero non só estas especies tiñan unha grande simboloxía na cultura celta. Por exemplo, o salgueiro (salix sp.) era a árbore das bruxas, xa que a súa codia e as súas follas posúen un recoñecido poder curandeiro. Non resulta sorprendente, sabendo que o ácido salicílico, procesado para conseguir o principio activo do ácido acetilsalicílico, se extrae das folla desta árbore.

Meigallos do século XXI

Tala, incendios, invasoras e moito máis... Reflexionando sobre as verbas anteriores, non resulta difícil de entender ese sentimento enfeitizante que só se pode experimentar nos montes galegos. Pero, que sentimos cando arden espazos protexidos coma os Parques Naturais de Invernadoiro e Baixa Limia?Serra do Xurés? Entendemos realmente a repercusión do asentamento dun grupo de mapaches (p

rocyon lotor

) nas ribeiras do Miño? Que implicaría a construción da A-76 no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra? Que significou a drenaxe da Lagoa de Antela? Como afectou a construción do encoro de Castrelo de Miño? Que consecuencias traen consigo as repetidas verteduras no Barbaña?

Acabamos de poñerlle nome propio a algunhas das causas da perda de biodiversidade, un concepto que podería «simplemente» indicar a desaparición das diferentes especies animais e vexetais, pero que en realidade engloba a perda de todo o que se relaciona con elas (diversidade xenética dentro das propias especies, diversidade entre especies, diversidade das distintas comunidades biolóxicas...), afectando directamente ao ser humano e á súa actividade. Incendios forestais, introdución de especies invasoras, alteración do medio, contaminación, perda do hábitat.

Calafríos ao nomear só algúns dos meigallos da maxia negra do século XXI que loitan contra a maxia dos deuses celtas dos que falabamos nos comezos.

Sabemos que o funcionamento dos ecosistemas se basea na relación entre o biotopo (os elementos non orgánicos) e a biocenose (o conxunto de organismos que sustenta o anterior). Unha ecuación que debe estar en equilibrio. Para manter a igualdade, os organismos que constitúen a biocenose deben relacionarse seguindo os estándares harmónicos que establece o que se coñece como a rede trófica ou alimenticia. Coa perda dalgún dos eslabóns desta rede, pérdese a harmonía, rómpese o equilibrio. Con actividades como as comentadas anteriormente fomentamos que tanto o biotopo como a biocenose dos ecosistemas terrestres e acuáticos se vexan danados de tal maneira que xa estamos vivindo as consecuencias. Solos non produtivos, falta de alimento, extinción de especies...

Actividades que nos levan á catastrófica desaparición da agradable contemplación e aproveitamento sostible dunha natureza única, rica e máxica. Que pasou con esa maxia que as nosas devanceiras eran capaces de percibir en cada elemento da natureza? Por que agora aínda que a percibamos estamos acabando con ela? Quizais nos quede moi lonxe a cada unha de nós pensar en defender a perda de biodiversidade do Amazonas? Pero, e se comezamos por actuar localmente, na nosa cidade e provincia, para xuntas contribuír a un cambio global?

Quen somos?

Sustinea é unha asociación medioambiental que traballa en prol ao desenvolvemento sostible en proxectos no rural, programas de educación ambiental e estudando o medio para buscar solucións ás súas problemáticas. Ao longo do ano levan a cabo diversas actividades, dende voluntariado ambiental, campos de traballo, campañas de sensibilización, actividades en familias, roteiros temáticos, campamentos ambientais, intercambios xuvenís europeos, estudos de fauna e flora, servizo de voluntariado europeo, entre outros proxectos que se poden coñecer mellor na súa web e nas súas redes sociais.

Máis información www.sustinea.com