Congostro recupera a fornada

Andrea García OURENSE/LA VOZ.

RAIRIZ DE VEIGA

No pobo de Rairiz de Veiga acenden os seus fornos tradicionais unha vez ao ano con motivo dunha festa interxeracional

08 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Na vila de Congostro (Rairiz de Veiga) non se deixan morrer as tradicións. Dende que hai dez anos se recuperaron os fornos, o primeiro domingo de agosto supón una cita obrigada para os veciños e para todos aqueles que descubriron o encanto destas terras a carón do monte O Castelo.

A festa da fornada reúne en Congostro a máis de 250 veciños e amigos, dende os máis vellos, que aínda recordan como se facía o pan nos fornos orixinais, ata os máis novos, que recollen o legado de algo que non queren perder. «Antes a vida era máis dura, había que traballar moi duro, pero as cousas eran moi bonitas. Recordo ben cando viñas de volta do traballo e sentías dende lonxe o cheiro do pan feito no forno. Era unha cousa moi bonita», asegura Carmen Rodríguez, unha das mulleres que prepara o pan e que transmite o seu saber facer ás novas xeracións.

Os dous fornos que existen na vila de Congostro deberán agora esperar un ano para volver a funcionar, xa que os tempos cambian e agora so se utilizan con motivo da celebración da festa da fornada.