« A festa dá a coñecer a carne cachena en toda Galicia»

QUINTELA DE LEIRADO

Máis de mil persoas degustarán un menú feito a partir deste produto autóctono

21 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Quintela de Leirado celebra un ano máis a Festa da Carne Cachena, a súa cita gastronómica por excelencia. Será este sábado, día 23, cando máis de mil visitantes se acheguen a este concello ourensán. A pega é que as entradas para a cita gastronómica xa se esgotaron. A boa noticia é que o ano que ven se ampliará o número de prazas do recinto para que poida acudir máis xente. José Antonio Pérez, alcalde de Quintela de Leirado, destaca a boa acollida que a cita ten incluso máis alá das fronteiras da provincia.

-¿Como van os preparativos da festa do sábado?

-Neste momento xa case está todo preparado para recibir á xente que veña de toda a comarca, da provincia e mesmo do resto de Galicia. Ven moita xente, sobre todo, da provincia de Pontevedra. A previsión de persoas xa supera o millar, tendo en conta as entradas vendidas.

-¿Son cifras como para falar xa de éxito da festa?

-Efectivamente. Isto comezou fai cinco anos, cun número aproximado de catrocentas persoas e foi subindo de tal forma que xa temos que ir pensando noutro recinto e ampliar. É unha boa noticia.

-¿Cal é o espírito desta cita gastronómica?

-A nosa intención era dar a coñecer a carne de cachena, porque neste concello hai dous ou tres gandeiros, un deles importante, que xa supera as duascentas cabezas de gando. Trátase de colaborar para que esta carne sexa coñecida en toda Galicia e incluso en España. É unha carne moi rica, que ten un sabor diferente á criada en granxas. Esta é unha carne feita no monte, dunha especie autóctona e moi propia desta zona.

-¿A cando se remonta a orixe da crianza desta raza en Quintela de Leirado?

-Nos tempos de antes xa existía, de sempre. Foise extinguindo, porque a xente emigrou, e agora levamos uns anos de recuperación. Os que retornaron, e a xente nova, viron nela unha posibilidade.

-E agora chega o momento da degustación. ¿Cal é o programa da festa?

-O sábado 23, á unha da tarde, temos una misa para ofrecerlle os produtos ó santo e sobre as dúas comeza o que é a comida. Temos de primeiro empanada de carne de cachena, de segundo carne ó caldeiro, tamén de tenreira cachena, e de terceiro carne richada de cachena. Haberá doces da terra, viño propio e licores da zona. E por suposto contaremos cunha charanga para amenizar a festa.

-¿Conta a festa con comensais asiduos?

-Si, repite moitísima xente. Ven xente nova, pero un sesenta por cento é habitual. As entradas deste ano están esgotadas e de feito se venderon moi rápido, ó prezo de sete euros.