A Coelióbriga da hospitalidade

La Voz J.M.G. | OURENSE

QUINTELA DE LEIRADO

SANTI M. AMIL

Xaquín Lourenzo traballou en Castromao con Ferro Couselo e atoparon a tábula dun acordo cos romanos O importante documento permitiu saber do pobo que alí residía

15 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Simio Xunto á estancia onde apareceu a tábula hai un espazo circular onde foi atopado un tesouro de 63 denarios e un áureo de Claudio, segundo conta Xulio Rodríguez. E aínda no 1993, na campaña dirixida por Luis Orero apareceu unha escultura que semella un simio. En canto ao documento, máis que tessera é unha tábula, pois esta serve para dar fe pública dun acordo entre dous pobos e gardala nun lugar público e visible para todos. A tábula aparecida en Castromao tiña unha asa para poder colgala. O pacto do que fala ese documento aconteceu no ano 132 da nosa era. A importancia que ten o traballo desenvolvido en Castromao é grande. Hai que sinalar que foi posible espallar a idea de usar o xacemento como un punto de referencia para o atractivo turístico. Castromao ten unha importancia histórica importante. Así o conta Francisco Fariña: «A análise do chan, das capas de terra que permiten situar a continuidade poboacional dende os séculos VI ou V antes de Cristo ata o final do século I despois de Cristo, con cambios nos modos de estruturas de habitación», primeiro con cabanas, que semellan feitas de ramallo e postes, logo substituídas por construcións de pedra e agrupadas con plantas distintas e elementos diferentes que nos anuncian unha aproximación con outros xacementos castrexos desa época anterior a Cristo e o cambio de era. Subida Segundo subimos ao castro, o primeiro que vemos é unha gabia en pendente. Mirando ben nas paredes, apreciaremos a liña do chan daquela época. «Son os niveis horizontais, ocupacionais que se superpoñen, que son diferentes á topografía actual e que facilitan a comprensión da situación da muralla na que remataría ese chan horizontal marcado na terra», explica Fariña. «Isto deixa comprobar como antes da implantación das construcións en pedra houbo niveis de ocupación humana abertos con lugares de combustión porque nos cortes da terra vese un fogar, vense as cinzas e o pavimento a el vinculado. Iso tamén se ve noutros sectores do castro, incluso naqueles onde comezaron as escavaciós e mesmo no interior das construcións de pedra foi factible nalgúns momentos documentar máis dunha etapa de ocupación humana coa existencia de pavimentos superpostos», engade o arqueólogo Fariña. Todo o monte que hoxe vemos onde se asenta o castro cos seus 732 metros de altitude e cercado por unha muralla duns 500 metros de longa, foise rodeando, na zona baixa, doutras construcións arredor do monte, por todos os campos e a estrada que vai a Quintela de Leirado ata A Gandarela e polo lugar onde se atopa o pobo de Castromao. «Todo isto nos fala dun amplo espazo urbano reformado no século I ou II da nosa era», subliña Francisco Fariña. Pero isto anda pendente de que algún día poida comezar outra campaña de escavaciós. Nun momento dotouse ao castro coa superposición de muros de socalcos que sorpenderon a Xocas e que lle permitiron ver como se transformaba unha casa castrexa ao longo do tempo. De feito dedicoulle un artigo a este curioso detalle.