As actividades desenvolveranse o sábado e o domingoA cita gastronómica é pioneira na oferta existente en Galicia
06 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A oferta de festas gastronómicas de Galicia é un mundo cheo de propostas. En moitos casos con iniciativas semellantes que se suceden en puntos diferentes da xeografía galega -polbo, pemento, empanada, ourizo de mar e moitas outras-. Daquela faise difícil innovar para conseguir pór en marcha un proxecto diferente e orixinal; aínda que opcións sempre hai, como demostrou o Concello de Punxín coa convocatoria da primeira edición da Festa do xabarín e da caza, única en todo o Estado. A iniciativa é unha proposta da empresa Eventos Mas Music, de María da Silva e Carlos González, e a mesma contou co apoio da administración local e da Deputación de Ourense, ademais de implicarse na actividade a Mesa Galega pola Caza.
Xornadas técnicas
A primera edición da Festa do xabarín e da caza, que se celebra os días 7 e 8 en Punxín, xunta dous aspectos vencellados: a actividade cinexética e a reivindicación gastronómica da carne de xabarín. Así, o sábado celebrarase o terceiro encontro Xuntos pola caza, que terá como punto de encontro e de celebración das diferentes actividades o edificio da Fundación Benigno Quiroga. A xornada técnica comezará ás 09.15 horas, coa presentación por parte de Fernando Rois Rois de Ategal, a Asociación Galega de Tecores. Sobre a responsabilidade das xuntas directivas das sociedades de caza disertará Rafael Canalejo (09.30 horas) e ás 10.00 horas haberá unha sesión sobre «Daños provocados por especies cinexéticas», a cargo de personal do bufete de avogados González Vilas e Asociados.
Logo do recoñecemento ás cazadoras galegas (10.30 horas) será Óscar Garriga Díaz quen se referirá a «Os corzos galegos do meu pobo». Florencio Marquina Lamonja, presidente de ACE (Asociación do Corzo Español) referirase ao «Futuro das poboacións de xabarín» (11.45 horas) e Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, clausurará as xornadas técnicas ás 13.15 horas.
Dende a Mesa Galega pola Caza o seu presidente, Manuel Martínez, incide no papel que está a xogar a caza como factor de control das poboacións de especies como o xabarín e mesmo para o mantemento da superficie agraria -«se non é pola caza hoxe sería imposible calquera cultivo no rural»- e dos viais de comunicación.
O domingo, nos terreos da Fundación Benigno Quiroga, vaise realizar unha exhibición de cans de caza para quen desexe asistir á mesma. Haberá premios para os mellores cans.
María da Silva: «Queríamos facer algo por dinamizar o pobo e promocionar o noso patrimonio»
Durante os dous días da primeira Festa do xabarín e da caza haberá un amplo programa de actividades complementarias: tiro con arco, mercadillo, entrega de premios do concurso de carteis, música e baile tradicional -con Rebulir e a charanga Os Támega- e xogos para os cativos, entre outras propostas. As actividades do sábado e o domingo repartiranse entre a Fundación Benigno Quiroga e o campo da festa de Punxín.
Dende Eventos Mas Music María da Silva salienta a singularidade da proposta e a necesidade de espallar o potencial co que conta o municipio. «No seu día coincidimos, Carlos González a máis eu, que se podería aproveitar o potencial da caza e do xabarín para crear unha festa e decidimos que o mellor sitio para facelo era o municipio no que vivimos. Ademais, conforme fomos avanzando coñecimos máis polo miúdo o gran potencial que ten Punxín no que se refire ao seu patrimonio. Daquela acordamos que queríamos facer algo por dinamizar o noso pobo e promocionar o seu patrimonio».
Xabarín e moito máis
Durante os dous días poderase degustar o xabarín, aínda que tamén outras propostas gastronómicas xa que no campo da festa haberá polbo, empanada e outros produtos. Os horarios para xantar e cear serán, tanto no caso do sábado como o domingo, de 13.00 a 16.00 e de 20.00 a 23.00 horas.