A continuidade da escola provincial, unha incógnita e unha preocupación

La Voz

PORQUEIRA

02 mar 2018 . Actualizado a las 10:00 h.

A continuidade do Obradoiro da Deputación despois da xubilación do seu fundador, Manuel Brañas, é unha incógnita que manexan con certa preocupación os actuais alumnos do centro.

Ademais de proxectos tan espectaculares como o do Pórtico do Paraíso e de actividades especializadas en determinados estilos ou para colectivos concretos, o obradoiro desenvolve desde o seu inicio un labor formativo estable estruturado nun curso de tres anos, cos niveis de iniciación, medio e perfeccionamento.

Os alumnos constrúen desde bombos, pandeiretas, trécolas e tamborís a gaitas, a peza que require traballo máis detallado e máis tempo.

Na especialización andan este ano Eloi, Aser e Pedro, tres dos pupilos de Brañas. Son un bo exemplo das moi distintas motivacións que moven aos usuarios da escola.

Eloi Dávila ten en Reboreda, no concello de Porqueira, un pequeno obradoiro de instrumentos de percusión. Este é o seu terceiro ano na escola da Deputación: «Viñen porque quero facer gaitas tamén, xa en plan profesional. É un privilexio poder contar con esta escola e, realmente, preocúpanos que poida non seguir trala xubilación de Brañas. Son clases moi reducidas e o resultado é estupendo».

Aser González forma parte dun grupo de cantos de taberna e a súa motivación inmediata é facerlle unha gaita á súa filla de 12 anos. O primeiro ano do curso construíu xa un pandeiro para tocar co seu grupo e agora está empeñado no agasallo á filla. Salienta o bo ambiente e o espírito da escola, «onde hai alumnos de todas as xeracións, con moi distintos puntos de vista».

Pedro Manuel Cao non é do mundo da música. O seu é a ebanistería: «Veño aos cursos para ter máis coñecemento sobre o traballo na madeira e porque quero coller coñecementos para un enfoque profesional, quizais montar un pequeno obradoiro de pandeiretas e tamboril».

Paralelamente a eles, a escola-obradoiro imparte ciclicamente un curso de construción das zanfonas medievais representadas nas Cantigas de Afonso X O Sabio, un de talla de madeira e construción de palletas para gaitas e outro de gaitas, requintas, pito galego e chirimías.