Elier Ojea Ureña: «Ourense ten gran potencial forestal, pero antes hai que reordenar o monte»

X. M. R. OURENSE / LA VOZ

PIÑOR

Elier Ojea é o presidente de Fearmaga.
Elier Ojea é o presidente de Fearmaga. MIGUEL VILLAR

A provincia só representa o 7 % das cortas de madeira que se fan ao ano

05 feb 2023 . Actualizado a las 09:19 h.

A madeira foi o espazo vital de Elier Ojea Ureña (Piñor, 1954) e a ese mundo volveu logo de pechar o ciclo das súas responsabilidades políticas. Vencellado a unha empresa que xa vai pola cuarta xeración —a carballiñesa Maderas Ojea— hai anos que forma parte das asociacións que representan ao sector. Dende o 2009 é presidente de Fearmaga, a Federación de Aserraderos y Rematantes de Galicia. As frontes son moitas, dende os cursos de formación ás xuntanzas cos representantes autonómicos para sacar adiante a nova lei, e Ojea tira de estatística para reivindicar o sector: «A cadea forestal está composta neste momento por 3.786 empresas da comunidade, que contan con 24.500 traballadores, é dicir empregos directos. Representamos o 2 % do PIB de Galicia e estamos por riba de sectores como a pesca ou o téxtil. A facturación foi de 2.600 millóns de euros no 2021 e no 2022, aínda por pechar de xeito definitivo, un total de 2.800 millóns».

—A inflación está a pasar factura?

—Si. A subida de tipos afecta de xeito directo a un sector como o da construción, que é para o que se traballa de xeito maioritario, e iso repercute en nós.

—Cal é o destino preferente da madeira que sae dos serradoiros?

—A construción segue sendo o principal destino, aínda que tamén se vai para a transformación. Dende hai anos empeza a ter unha maior presenza na arquitectura en reformas de locais, vivendas e outros usos. Coa pandemia e as obras nas casas incrementouse a demanda. Agora tamén se está a traballar moito no laminado de nova xeración. Xa hai un edificio creado só con CLT —material contralaminado— en Barcelona e vai comezar a construción dunha cooperativa de vivendas en Euskadi.

—O moble segue sendo minoritario?

—En Galicia si. Hai algunhas carpinterías que fan algo pero a madeira para mobles sae, maioritariamente, cara ao Levante. Aquí temos actividade na zona da Estrada pero o sector segue capitalizado polas fábricas de Valencia e Castellón.

—O valor engadido é o problema?

—Galicia corta ao ano o 51 % da madeira do Estado e só emprega o 7 %. Non transformamos, iso fano noutras comunidades, e perdemos o valor engadido. Por iso insistimos no I+D para que os serradoiros teñan maior actividade e ingresos polo seu traballo.

—A madeira mantén a presenza tradicional na provincia?

—Ourense ten un gran potencial forestal, pero hai que reordenar o monte porque tal e como está todo non se pode ir a unha xestión acorde cunha silvicutura de calidade que cre traballo e dinamice o sector.

—Pódese reverter a situación?

—Contamos con zonas con moito potencial, pero non se están aproveitando. A Consellería de Medio Rural promove agora os polígonos agroforestais e pode ser unha excelente oportunidade para ir a unha silvicultura de calidade. O sector non se deslocaliza e pode ser a chave para crear emprego na provincia e fixar poboación no rural.

—A Xunta promoveu parcelarias que están a monte, literalmente. Sería unha opción viable?

—Si. E nós xa temos avanzado esa posibilidade. Obviamente aí xa é unha decisión e un proceso que debe liderar a administración porque as competencias son súas. Nós colaboramos coa Xunta propoñendo iniciativas para tentar mellorar, no que podamos, a futura lei forestal e cremos que se debe axilizar a mesma porque é vital para dinamizar o medio rural.

«O abandono e a falta de coidados das árbores fai que baixe a calidade da madeira»

O presidente de Fearmaga tira de datos para referirse á situación ourensá no que ao sector madereiro se refire. Ourense é a segunda provincia de Galicia en canto a superficie forestal. E a pesares de contar co 28 % da mesma é a que menos actividade rexistrou no pasado ano en cortas de madeira: só o 4 % da actividade desenvolvida na comunidade.

—Teñen aludido á necesidade de contar cunha maior calidade.

—O abandono e a falta de coidados das árbores fai que baixe a calidade da madeira. Antes os montes estaban limpos e os veciños acometían os traballos necesarios para contar con bos exemplares —cortar as árbores que están moi xuntas para que as que queden medren mellor, podar os nós e tratar as enfermidades que puidesen aparecer, entre outras tarefas—, agora iso non se fai e a calidade non é a mesma.

—Falta personal cualificado?

—Formamos a forestais cun grande potencial, e marchan ás empresas do norte porque non hai traballo. Necesitas unha superficie de entre 50 e 100 hectáreas para desenvolver un proxecto de futuro, e aquí non as atopan.

—O monte deixou de ser o peto das familias?

—Si, pero ten que volver a selo. O minifundio fai que a media dos montes sexa de 400 ou 500 metros cadrados, e como moito aí podes ter catro ou cinco árbores para aproveitar. Ao serradoiro non lle sae a conta de pagarlle aos que cortan e ao transportista e quedan no monte ou cóllense se hai un traballo grande cerca. Hai que reordenar e facer que o monte sexa ese peto que foi, e que debería xogar a mesma función para os nosos fillos e netos.

Do serradoiro familiar á política activa e á función pública

Aínda que a vida de Elier Ojea Ureña se foi desenvolvendo paralela á actividade da empresa familiar e á representación nas diferentes entidades vencelladas ao sector —da Asociación Provincial Ourensá da Madeira (Aprouma) á Federación de Aserradeiros e Rematantes de Galicia, pasando por Confemadera— tamén rematou desenvolvendo unha carreira política na provincia dende a súa militancia no PP.

Licenciado en Dereito pola USC, seguiuse formando logo en Madrid, onde cursou un mestrado en Asesoría Xurídica. Incorporouse ao proxecto familiar pero non lle tocaron os bos tempos: «Estaba en Maderas Ojea e Tanosa, pero naquela etapa colleume a suspensión de pagos da empresa. Xa estaba incorporado á política, era concelleiro no Carballiño, e decidín que me tiña que buscar a vida por outros camiños». Presentouse ás oposicións e en 1982 comezaba a traballar como técnico de administración xeral na Deputación. En 1995 foi nomeado delegado da Cotop (Consellería de Política Territorial). Ri ao tempo que lembra un dato anecdótico: «Daquela era membro do Consello da CRTVG e fun o único conselleiro que dimitiu». Botou once anos no cargo e logo volveu á Deputación, onde se xubilou. Foi secretario xeral do PP, durante catorce anos, con José Luis Baltar.

—Traballou na integración de PP e Centristas. A xenreira foi como se contou?

—Houbo de todo. Aínda que había xente con moito poder —e iso deixábase notar— íasen pechando acordos. O que pasa é que algúns, dirixentes pero sobre todo militantes de base, levaban a cousa ao persoal e déronse conflictos moi importantes.

—Que lembra con mellor recordo do paso por Política Territorial?

—As cousas que che quedaron como unha satisfacción. Sobre todo os edificios de vivendas sociais. Aínda que nalgúns casos non se entendeu o concepto e vivimos situacións para contar: de deterioro de ascensores por non mantelos a ter que ir sacar a un porco que tiñan nun balcón dun cuarto piso. Tamén sustos como cando rachou un tensor da quinta ponte —a Ponte do Milenio— por unha crecida impresionante do Miño e pensamos que se nos viña abaixo.

—O Couto foi a súa cruz?

—O traslado do campo para Seixalbo era un proxecto vital para Ourense. Alí estaría o edificio administrativo da Xunta, os de vivendas e un gran aparcamento que hoxe daría resposta ás necesidades da zona, do Pazo de Xustiza e do Centro de Saúde do Couto. Serviría para potenciar o barrio e crear en Seixalbo unha cidade deportiva nos 100.000 metros cadrados que ten alí a Xunta. Foi unha polémica artificial, o único que había é que o padre Silva quería quedarse con eses terreos. O que non se entende é que teñamos ese patrimonio aí e non se leve feito nada con el.

—E o que puido ter sido e non foi?

—Cando se inaugurou na Ponte o edificio de Correos, era daquela Feijoo o presidente do servizo, mantivemos unha xuntanza con el e con Álvarez Cascos. As demandas de Ourense pasaban por dúas cousas: crear un parador da auga na cidade —que sería o noso gran reclamo termal— e instalar, en Taboadela, a terminal de mantemento ferroviario, que crearía 800 postos de traballo de calidade aquí. Neste caso a mitade levouna unha ministra para O Porriño e a outra un presidente para León.

Quen son. 

«Unha persoa perseverante e leal. Dunha familia que todo o que fixo dependeu do traballo nunha empresa que xa vai pola cuarta xeración. Teño claro que o que son llo debo á madeira»