«O rival xa está preparado para o 2019 e nós estamos en pañais»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

PETÍN

Álvaro Vaquero

O home de confianza de Caballero para dirixir o PSOE de forma provisional di que será «aséptico»

15 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

É alcalde de Petín, un pequeno concello valdeorrés, desde 1999. Miguel Bautista Carballo, nado en 1958, arrasa coas siglas do PSOE (ten seis dos sete concelleiros) pero sempre foi un verso solto no partido. Foi, de feito, un dos primeiros na provincia en comprar a mensaxe de renovación de Gonzalo Caballero e agora este encárgalle presidir a xestora que dirixirá o partido en Ourense trala disolución da anterior dirección.

-¿É unha mostra de confianza ou un marrón?

-Primeiro, é unha confianza que me dá Gonzalo. Síntome apoiado por el e síntome orgulloso pero ao mesmo tempo, como pasa na alcaldía, no minuto un estamos con alegría pero desde o minuto un e medio xa estamos con historias. Imos levar o proceso o máis limpo, o máis aséptico e o máis transparente posible.

-O motivo oficial da disolución, ¿cal é? ¿A dimisión de 17 membros da executiva?

-Eu entendo que si, que hai un escrito de Madrid onde dicía que se autorizaba soamente a convocar o congreso. Non é que estiveran cesados; é que ao haber as dimisións cesan automaticamente.

-Eles din que esas dimisións non chegan á metade dos membros da executiva...

-Non o sei. A verdade é que non teño nin idea. Quen pode saber é Madrid ou Santiago. Eu iso de verdade que non o sei.

-¿Non pensa que a disolución chega tarde, precisamente co congreso para renovar de maneira ordinaria a dirección xa convocado?

-Eu dígoche o que me din. Madrid puña o exemplo de Pedro Sánchez. A el dimítelle a federal e quedan automaticamente cesados.

-¿Temían que os ata agora dirixentes do partido na provincia manipularan as primarias e o congreso?

-Eu creo que non. Non tiña por que haber ningunha manipulación. Se se chega aprobar o do 20 % sería complicado para calquera candidato sacar 300 e pico avais.

-Pero, se non pensaban que podían manipular ese proceso, ¿por que substituílos a esa alturas?

-Porque non existían, estaban disoltos. A min o que me explican é iso, que unha vez que dimiten a metade máis un xa están disoltos e a partir de aí Madrid so os autorizou a iso, a convocar o congreso.

-¿Falou co actual secretario provincial, Raúl Fernández, para organizar o traspaso de poderes?

-En canto saín da executiva chamei a Raúl.

-¿Como foi a conversa?

-Nada, falamos do que pasou e sen ningún problema. Eu con Raúl teño unha boa relación persoal, son amigo del desde hai moitos anos e entón non vou ter ningunha historia. E o traspaso de poderes vai ser moi menudo. A ver se o xoves xa temos candidatos e a partir de aí que funcione a maquinaria.

-Se a dirección provincial tivera dialogado cos críticos e convocado as reunións solicitadas, ¿chegaríase a esta situación?

-Ao mellor, ao mellor o erro foi non convocar a executiva. Unha vez pedida, non custaría nada facela. Polo menos é a miña opinión persoal, non como presidente da xestora. É igual que aos alcaldes cando nos piden un pleno extraordinario coa porcentaxe legal: hai que facelo. Enrocarse nunha historia así o único que fai é que cheguemos como chegamos.

-¿Fará a xestora un novo cambio na portavocía da Deputación?

-Non imos cambiar nada, non é o noso obxecto. O noso obxectivo é que haxa pronto un secretario xeral e el será o que teña que tomar as decisións que teña que tomar. Nós estaremos dous meses, nin iso, e con todo este lío que teremos estes días co tema dos avais e de buscar o sitio e da organización do congreso pois xa bastante temos. Ademais, un goberno provisional non debe cambiar nada, entendo eu. Terá que ser o novo goberno do PSOE provincial o que tome as decisións. Desde unha xestora eu non ousaría facer nada aí. Estamos nunha situación de provisionalidade e ese é un traballo para a nova executiva.

-¿Cantos candidatos cre que haberá á secretaría provincial?

-Coa facilidade que hai para presentarse eu espero que haxa polo menos tres. Polo menos que se apunten o xoves, outra cousa é que despois se abra un prazo de recollida de avais no que xa veremos o que pasará. É moi fácil sacar 49 avais.

-¿Que perfil cre que debe ter o novo líder do PSOE ourensán?

-Eu creo que ten que ter un perfil do maior consenso posible. O rival xa está preparado para o 2019 e nós estamos en pañais. Eu creo que xa teñen case as candidaturas feitas e cando nos demos conta xa estamos nas municipais. Ese será o primeiro traballo da nova executiva. Hai moitos sitios onde non temos agrupacións, onde non temos candidatos e vailles quedar un traballo...