Santoalla

María Cobas Vázquez
María Cobas DENDE O OUTEIRO

PETÍN

18 oct 2016 . Actualizado a las 21:32 h.

Aínda está a instrución por pechar a o crime por xulgar... mais iso non lle resta intriga á historia da morte de Martin Verfondern, o holandés que escolleu as escarpadas ladeiras de Santoalla en Petín para vivir xunto á súa muller, Margo Pool, e que un día de xaneiro de 2010 desapareceu para nunca máis del nada saberse ata catro anos despois. Estaba morto, non moi lonxe da casa; e meses despois entrou na cadea o seu presunto homicida, o veciño. Que o mataran xa o dicía Pool aos poucos días de que Martin faltara. Que o autor estaba na casa dos veciños, tamén se dicía (mais coa boca algo máis pequena). E iso foi o que chamou a atención de dous americanos, Andrew Becker e Daniel Mehrer, que desde a súa vida pouco petinesa en Nova York, viron que en Santoalla -como 25 anos antes vira Chano Piñeiro- había unha historia que contar. E aquí que viñeron. Foron meses de rodaxe, antes de que aparecera o corpo de Martin e tamén despois. Antes de que os veciños foran detidos, e tamén despois. Tamén eles falan. Os irmáns acusados están na cinta. Contan a súa historia. A súa versión. ¿A que agora a intriga tena vostede? Con iso xogan os americanos -e tamén a valdeorresa Cristina de la Torre, parte fundamental en Santoalla- para presentar a película, que chega por fin a Ourense (despois de pasar con éxito polos festivais de Escocia e The Hampstons). Será a cinta encargada de abrir o OUFF. Por segundo ano consecutivo, Valdeorras será a protagonista do inicio do festival de cine de Ourense, tras o éxito que fai 12 meses levou Lobos sucios. ¿Será este tamén o inicio do pase da cinta polas salas de cine? Intriga.