«Antes de fusionar concellos hai que eliminar o Senado e as deputacións»

María Cobas Vázquez
MARÍA COBAS O BARCO

PETÍN

LOLITA VÁZQUEZ

Aposta por crear un banco de terras para facilitar o emprego no rural

13 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva 16 anos no cargo, e no mes de maio espera revalidar para ser o alcalde de Petín outros catro máis. Trae Miguel Bautista como aval que no 2011 foi o alcalde socialista con maior apoio na provincia de Ourense; algo do que di que non saca réditos no partido. «É unha cousa que non me preocupa; pero tampouco vou dicir que non me sinta orgulloso de que despois de tantos anos a xente siga confiando en min», di.

-¿Que lle queda por facer?

-O polígono, que non sei se se poderá facer, porque se non hai empresas... Pero polo menos quero facer os cimentos para telo.

-¿Estando tan cerca o da Rúa?

-Podería ser interesante un polígono industrial agrícola. Estaría moi ben situado, porque no PXOM deixamos o espazo en Freixido. E creo que vén unha época interesante. Outro dos proxectos que quero levar adiante, e que me vai levar tempo é facer un censo das terras, ver se hai terras que a xente queira alugar, e xente que queira alugalas... Creo en facer un banco de terras, para traballar a castaña e o viño. Creo que vai vir unha época na que será rentable o viñedo.

-¿Por que?

-Viña Costeira quere facer 500.000 botellas de mencía. Veñen con prezo, contrato de data de pago. É moi interesante. E hai outra adega, A Tardiña, que quere arrancar con 300.000 litros de godello e 100.000 de mencía. Esta xente xa investiu. Non son aventureiros; veñen para quedar.

-¿Petín acusa o despoboamento?

-Calquera fin de semana no parque hai moitos nenos. Levamos moitos anos con nacementos. Pero hai un grave problema, porque non hai maneira de que alguén alugue... Temos moitas casas baleiras, pero a xente non se anima a poñelas en aluguer. A ver se falando cos veciños... Haberá que buscar fórmulas para que as arranxen ou as vendan. Tamén hai xente interesada en comprar terreos para plantar viñas, pero para comprar 5 hectáreas hai que falar con 200. Hai moitas fincas con propietarios descoñecidos... e algo haberá que facer.

-¿Acabará Petín fusionado?

-Cada vez téñoo máis claro... Se arranxara o país a fusión de A Rúa e Petín, fusionábase xa. Pero antes de fusionar concellos primeiro hai que eliminar o Senado, ¿vale para algo?, as deputacións e moitas autonomías. Todas as que son unha, como Madrid, ¿non lles chega co Concello e co goberno central?, ou La Rioja, Asturias, Murcia...

-Nomeou as deputacións, vostede que é deputado.

-E deixaría de selo. A Deputación ten obxecto de ser se quedamos como estamos. Se imos a concellos grandes, todo o que fai a deputación vai aos concellos, así que as deputacións non teñen sentido.

«Non renuncio á residencia de anciáns, pero xa non a levo no programa»

En Petín só haberá dúas papeletas o 24 de maio, así que só hai posibilidades dun goberno do PSOE ou un do PP. Imposible reeditar o bipartito co que Miguel Bautista gobernou na súa primeira lexislatura. Desta volta só hai dúas opcións. Hai 4 anos estaba tamén o BNG, «pero cunha candidatura de paracaidistas». Bautista di que esta forma de facer listas, con xente que nada ten que ver co partido, «é un erro, tamén no meu partido».

-É alcalde do PSOE nun territorio no que está rodeado por gobernos do PP; e é un dos alcaldes socialistas con maior apoio cidadán, ¿como?

-Nun pobo pequeno hai pouca ideoloxía, o trato do político co cidadán é o que prima. É estar ao pé do canón. A campaña son catro anos. Non podes dicir cousas que non vas cumprir. A primeira vez que me presentei quedoume a frase dunha señora de Sampaio, que me dixo «despois da campaña olvidádesvos de nós». Díxenlle que non, que volvería. E volvín. Nos pobos a xente maior xa non queren obras, bueno, obras quérenas todos, pero queren sobre todo o trato.

-¿Que prometeu que non fixo?

-Algo do que xa desistín... a residencia da terceira idade. Foi o peor que me puido pasar, porque todo o que prometo, fágoo ou intento facelo. Pero iso non fun capaz. Cando houbo oportunidade non tiñamos terreo, e agora que temos terreo, no poboado, non hai cartos. Nin Xunta nin empresas se meten. Non renuncio a ela, pero xa non a levo no programa.