Valdeorras vivirá a Florenciada, Parada do Sil destacará a un persoeiro da vila e Vilanova dos Infantes concentrará a gran festa da cultura galega
15 may 2026 . Actualizado a las 21:13 h.O Día das Letras é oficialmente o domingo, pero afondando nesa idea de que cada vez que sae o sol é unha boa oportunidade para festexar a lingua, o sábado son moitos os puntos da xeografía ourensá na que haberá actos para presumir do galego e espallar a figura de Begoña Caamaño.
En Valdeorras, a aldea de Córgomo (Vilamartín) volverá ser o epicentro das Letras na comarca coa Florenciada, a festa xurdida no 2022 para festexar que o 17 de Maio foi para o poeta Florencio Delgado Gurriarán. O evento, impulsado pola fundación que leva o seu nome, comezará as once da mañá. A partir dese hora haberá xogos para a cativada e ás doce abrirá a feira de artesáns, que poderá visitarse ata as sete da tarde. Para as 12.30 horas está prevista a visita guiada á exposición sobre Begoña Caamaño, que dará paso ao obradoiro de baile tradicional e despois comezarán a soar os cantos de taberna. A partir das dúas poderase comprar comida nos diferentes postos e degustala nas mesas instaladas en varios puntos da aldea. Pola tarde haberá unha nova visita á exposición e un obradoiro de xogo de bolos.
En Parada de Sil a celebración das Letras leva aparellada unha homenaxe a un persoeiro nacido na localidade que teña destacado na súa faceta profesional. Neste caso o protagonista será o veterinario e investigador Francisco Javier Carballo García. O acto comezará as 11.30 horas e incluirá tamén a actuación da coral Capela Madrigalista, a entrega dos premios do concurso de microrrelatos e a colocación dunha placa de recordo na casa do homenaxeado.
A programación en Verín arranca este sábado cunha proxección sobre o Mosteiro de Poio na Casa da Cultura, seguida mañá pola Gala Músico-Literaria no auditorio municipal e coa entrega de premios de poesía e relato. O Carballiño inicia aos actos co Concerto Preletras no espazo OzocoGz, onde actuarán formacións como as Ferriñas de Liño ou a Banda de Gaitas da vila, e onde se instalará un posto de libros da autora. Pola tarde, acollerá un obradoiro de escritura creativa con María Besteiros centrado nas mulleres homenaxeadas na historia da festividade. O domingo, o protagonismo será para o teatro coa representación de O proceso, de Malasombra Producións, unha peza que narra o conflito histórico de Curros Enríquez pola súa obra Aires da miña terra. O luns presentarase o libro sobre intelixencia artificial de Senén Barro. A inauguración do mural dedicado a Caamaño posponse debido á chuvia.
Vilanova dos Infantes, epicentro dos actos do domingo
Vilanova dos Infantes converterase un ano máis no epicentro das actividades do Día das Letras Galegas. A Romaría Raigame encherá este domingo as rúas da localidade nun canto á cultura e á tradición. Esta nova edición articúlase como unha gran homenaxe á memoria colectiva, conmemorando os 150 anos de O Tío Marcos da Portela, o primeiro xornal redactado de xeito íntegro en galego, e reivindicando a figura do seu fundador, Valentín Lamas Carvajal, cando se fan 120 anos do seu pasamento. O evento servirá tamén para enxalzar o legado de Begoña Caamaño, protagonista do 17 de Maio, e de Ramón Otero Pedrayo, no marco do seu ano monográfico.
Para dar cabida ao crecente número de grupos folclóricos, a programación deste ano adianta o seu inicio ás 10.30 horas e incorpora como novidades visitas guiadas polo recinto, novos espazos temáticos e diversas propostas culturais. A xornada ofrecerá unha completa inmersión na tradición con demostracións de oficios antigos, obradoiros artesanais, xogos populares e música constante que culminará ás 18.30 horas coas actuacións de Castro Floxo e a Banda de Vilanova. Entre as curiosidades desta edición destacan a creación dun túnel do medo dedicado ao «lobishome» Manuel Blanco Romasanta e a participación da Casa-Museo do Chocolate de Parada do Sil. Todo este despregue completarase con 62 postos situados no interior do burgo, onde se darán cita case medio milleiro de artesáns traballando en directo xunto a diversos espazos dedicados á gastronomía e á alimentación tradicional.
Vilanova dos Infantes non é a única vila que centrará a celebración das Letras no domingo. O Concello de Ribadavia preparou un programa que arranca ás 12.00 horas na Igrexa da Madalena, cunha lectura de textos dedicada a Begoña Caamaño. O evento contará con diversas actuacións musicais a cargo do grupo Anaquiños, Valparaíso de Francelos e as Pandereteiras da Istoria. Pola tarde, a actividade trasládase á Fontiña Mariña ás 19.00 horas, onde o teatro será o protagonista. Representaranse as obras O gato con botas, pola man de Anaquiños, e Reciclaxe, interpretada polo grupo Valparaíso.
En Allariz, a actividade concentrarase na Alameda cunha programación deseñada para o gozo de toda a familia. A xornada comezará ás 13.00 horas co concerto da Banda Unión Musical da vila, que porá a nota sonora á mañá. Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas e dentro do ciclo Ler conta moito, o grupo Os Jalochos ofrecerá o espectáculo infantil A landra viaxeira e o amigo Lambón, unha proposta pensada para os máis pequenos da casa.
No Barco de Valdeorras haberá unha carreira pola lingua ás once da mañá. Á unha comezará a sesión vermú con Repunantas na zona de Correos no Malecón e ás 18.30 horas, en Andrés de Prada, Raquel Queizás presentará o espectáculo Begoña ao teléfono.
Na Rúa, ás doce na praza do Concello, actuarán a escola de gaitas e baile tradicional de Abertal. En Trives, A Caniceira organiza unha busca do tesouro para a cativada. Será ás once e media na praza do Pilón. E en Viana, á unha haberá concerto de Amorodous na praza Maior.
Este sábado: monicreques en Maceda, cantos de Taberna en O Irixo e concerto en Manzaneda
A música e o teatro concentran a maioría das actividades programadas por concellos e asociacións para a festexar a conmemoración este sábado. Estas son algunha delas:
OURENSE
Serán cultural. A asociación cultural Aturuxos do Miño organiza un Serán das Letras no centro sociocomunitario Pontepelamios, a partir das 17.30 horas. Haberá música e baile e o prezo da entrada é de dous euros.
MACEDA
Monicreques. A biblioteca pública organiza unha cita para as familias. A partir das 18.30 horas, a praza Benigno Álvarez acollerá o espectáculo de monicreques Pelusa e o libro máxico de Castelao, a cargo de Títeres Natúacasa.
O IRIXO
Cantos de taberna. O Concello de O Irixo celebra a segunda edición dos cantos de taberna, que terán lugar na parrillada Abanico a partir das 20.30 horas. O evento contará coas actuacións de Ferreñas do Testeiro, Nubeiro, Os Trasnos e Amigos do Acordeón, seguido dunha cea popular.
MANZANEDA
Coanhadeira na Rebusca. Ás seis da tarde, no local da Rebusca haberá un contacontos con Alba de Vales. Ás 22.30 horas, concerto de Coanhadeira.