A fábrica de chocolate de Parada de Sil, unha historia de honestidade

La Voz

PARADA DE SIL

Miguel Villar

Fernández Carnicero presentou o seu libro sobre a empresa de Teimende no Liceo de Ourense

11 abr 2022 . Actualizado a las 12:09 h.

O Liceo de Ourense acolleu a presentación do libro «A fábrica de chocolate em Teimende», unha obra de José Luis Fernández Carnicero. O autor fixo a versión orixinal, en castelán, e a edición en galego correu por conta de Isaac Alonso Estraviz. No acto do Liceo participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, e Rosa Casares, filla do último chocolateiro, entre outros.

Para Carnicero a da antiga fábrica de chocolate de Teimende «é unha historia de honestidade encarnada na persoa de don Ricardo Casares, que preferiu cesar na actividade antes que devaluar o seu produto, cando as multinacionais incorporaron sucedáneos que devaluaban a calidade do chocolate e facían imposible a competitividade dos pequenos fabricantes». Documentación aportada pola familia e fontes propias serviron ao autor para crear o libro, salientando o feito de que os materiais conservados polos Casares «permiten que o libro deixe entrever a importancia do mundo rural e a capacidade de emprendemento de xentes sinxelas en lugares onde a vida se desenvolvía en condicións moi difíciles en tempos complicados económica e politicamente».

Aquilino Domínguez referiuse á importancia que ten o Museo do Chocolate de Parada de Sil entre os recursos turísticos e patrimoniais do municipio e Valentín García amosou a súa sorpresa por coñecer unha iniciativa que se desenvolveu nun espazo e nun tempo no que as dificultades eran moito maiores que as de hoxe.

En nome da familia, Rosa Casares agradeceu o traballo do autor e o apoio da Xunta e do Concello para facer realidade o libro e asegurou que a publicación sobre a antiga fábrica de chocolate de Teimende «supón un novo avance no camiño que a familia Casares Prieto iniciou no 2013 coa cesión do inmoble, a maquinaria e demáis utensilios da fábrica ao Concello de Parada de Sil para a súa rehabilitación e conversión na Casa Museo do Chocolate que é hoxe».