«O poemuseo homenaxea á xente labrega, que fixo que esteamos aquí»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

PARADA DE SIL

miguel souto

O filósofo e etnógrafo Emilio Araúxo ten na aldea de Sacardebois en Parada de Sil un poemuseo no que cada obxecto ten o seu propio verso

16 may 2018 . Actualizado a las 17:11 h.

Desde hai uns anos, Parada de Sil apostou por festexar o seu propio Día das Letras. Elixiron o 17 de Maio como o día para homenaxear a alguén vinculado coa localidade, que pode ser un veciño nacido no pobo ou alguén que, chegado doutro sitio, teña deixado pegada neste recuncho da Ribeira Sacra. E ata Parada de Sil chegou fai xa 40 anos Emilio Araúxo (Coles, 1946), que escolleu Sacardebois para mercar unha casa.

«O meu pai era de Maceda, unha feira á que ía a pé moita xente de Sacardebois; e buscando unha casa, porque non tiña herdanza familiar dunha vivenda, atopei esta», conta o protagonista deste particular 17 de Maio. Na aldea (enfronte mesmo da famosa Amandi, explica para quen non a coñeza) pasa os veráns, e desde hai tres ademais fai de anfitrión a todo aquel que queira ver o seu poemuseo. E explica o que é. «Lonxe da idea clásica do museo como acumulación de obxectos, como coleccionismo; neste caso é un museo no que se lle dá iniciativa aos obxectos, pretendendo que cada obxecto fale a transmita a herdanza dos antepasados, de xente doutros tempos», sinala. É por iso que xunto con cada elemento físico hai un poema a el dedicado. «Dicía un antropólogo que un obxecto da cultura popular é unha especie de microcosmos que expresa a vida material e espiritual da xente que o usou. Eu tento darlle a palabra e facilitar ese diálogo poético entre visitantes e obxectos», conta. Para iso recorre a Federico García Lorca, que ilustra cun poema un candil; ou ao francés James Sacree e o ruso Ginadi Aigui para o carro que hai na horta; ou a Felipe Beck para falar do burro, «que era a camioneta da antigüidade, e grazas ao que temos o progreso de hoxe en día», di Araúxo. É unha homenaxe á xente labrega, di, «que fixo posible que poidamos estar aquí e ter a vida que temos».

O poemuseo é só unha parte do traballo de Araúxo a prol da difusión da nosa cultura. Fillo de tendeiros, nacido nunha familia de comerciantes e cregos, marchou estudar a Madrid e desde alí deu o salto a Francia ao comprobar que aquela universidade franquista «tiña moita policía e pouca universidade». E foi en París onde empezou a interesarse por aquela «filosofía do establecido» que xurdiu coa revolución do 68, «que eran estudantes que ían establecerse nas fábricas ou no mundo labrego e compartían o traballo, as penurias e os esforzos desas xentes». Unha filosofía da que aprendeu da man de varios mestres, como Derriga ou François Regnault; e a través dos escritos do ruso Mijail Batjin. Foi así como decidiu estar co mundo labrego, «non como espectador, senón compartindo o traballo material». Foi un labor ao que dedicou 30 anos da súa vida, once deles de maneira intensa.

A iso dedicou parte da vida -a profesional de diario foi como profesor de Filosofía na comarca do Deza- e tamén a estudar os entroidos. Ten varios libros sobre esta festa tradicional e Laza, no Val de Maceda e en Chantada. Araúxo di que o entroido é unha alegría utópica do que debería ser un mundo igualitario. «Funciona como idea reguladora da democracia por vir; é unha utopía simbólica e marabillosa que sintetiza os ideais de igualdade». Di que lle gustan moitos dos que hai, e nestes tempos anda enleado co de Covelo (en Quins, Melón) «que me sorprendeu pola súa forza dramática, coreográfica e pola súa riqueza plástica», e do que está escribindo un libro. Pero tamén asegura ser un fervoroso seguidor dos entroidos novos, «que xorden como síntese dos entroidos vellos e ideas novas de xente nova». E cita daquela o entroido dos anxeos xurdido en Parada de Sil van 15 anos, «que é unha marabillosa alegoría na que se mesturan elementos sacros, porque é Ribeira Sacra, e cultura popular; ou o entroido de Lumeares, creado por Cándido Caneiro hai dous anos, cos Irrios e as Madamas e no que participan sobre todo estranxeiros». E fala dos troteiros de Bande ou o xurdido en Sarreaus.

O acto, o xoves

Mañá (11.30 horas, no concello) será homenaxeado. Agradece o xesto, máis quere compartir protagonismo con moitos labregos, aos que ten fotografado e que mostra nunha exposición.