«Padrenda tiña que recuperar a relación cos veciños de Portugal»

PADRENDA

A asociación veciñal prepara para o primeiro de maio unha xornada de convivencia co pobo de Melgaço

18 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación de veciños de Padrenda, creada hai un ano, organiza o 1 de maio un encontro de convivencia internacional con Portugal. O obxectivo é recuperar a relación que na antigüidade había entre os pobos limítrofes. Á fronte da iniciativa está José Antonio Afonso Reis

-Fálenos da asociación e dos seus obxectivos.

-A idea orixinal era exaltar o turismo e as rutas fluviais na zona, xa que temos a primeira reserva internacional europea a través do río Troncoso. A partir de aí pensamos en facer diferentes actividades e na actualidade xa temos un grupo de BTT e de fútbol sala. O pobo necesitaba espertar. Tamén pensamos en que Padrenda tiña que recuperar a relación que tiñamos cos veciños de Portugal. E por iso puxemos en marcha varias actividades.

-O día 1 de maior organizan unhas actividades concretas. ¿En que consistirán?

-Serán unha andaina e unha convivencia. Ademais, terá un carácter social, xa que o diñeiro para participar na andaina irá íntegro a unha campaña contra o cancro que desenvolven en Melgaço. Tralo paseo, celebrarase unha misa na capela de Fátima. Despois, as autoridades intervirán para falar da intención de tramitar ante o Ministerio do Interior que a asociación sexa de carácter internacional, porque xa temos socios portugueses. A xornada terminará cun xantar no que poremos 20 porcos ó espeto e haberá música tradicional de ambas partes.

-¿Que hai que facer para participar?

-Apuntarse no Concello de Padrenda antes do 25 de abril e pagar 12 euros que inclúen todo. De Portugal xa teñen reservadas 200 entradas.