Ourense e Vigo, un novo conflito

Xosé M. Pacho SECCIÓN DE ULTRAMARINOS

OURENSE CIUDAD

M.MORALEJO

Vigo ten un problema e agora, por culpa do problema de Vigo, Ourense tamén o ten. E non falamos de alcaldes. A cousa é que se acaban de publicar as novas bandeiras azuis que se outorgan as praias, e Samil por segundo ano consecutivo non vai ter bandeira azul. Isto para Vigo é terrible, porque significa que a praia dos ourensáns non ten a calidade necesaria para que vaian a ela, e se a xente de Ourense non vai, so van ir os portugueses e os madrileños, e todos sabemos o que pensan dos portugueses en Vigo, e xa non digo nada dos madrileños, que son os vigueses de Castela. De feito o concepto fodechinchos, ou máis ben jodechinchos, co seu ton despectivo diríxese a eles, non aos portugueses nin aos ourensáns, senón a eses turistas que chegan en coche ou en AVE a Ourense e despois tiran para Samil. Aínda que non teña bandeira azul. Si, teñen outras praias con bandeira azul, pero a máis importante non, e por moito que queiran vender as luces de Nadal, como que non funcionan igual no verán.

O da bandeira de Samil non deixaría de ser un drama menor para a ourensanía de Vigo, porque niso son moi ourensáns os vigueses, aínda que non o saiban. O que acontece é que se convirte nunha cuestión relevante cando por riba, Ourense consegue por primeira vez unha bandeira azul. Si, unha bandeira azul por unha praia en A Veiga que ademais se chama a praia dos franceses. Se hai algo que artella o viguismo é o da Reconquista contra os franceses, co cal temos outro problema: a praia dos ourensáns, Samil, contra a praia dos franceses, A Veiga en Ourense... A vantaxe que ten Samil incluso sen bandeira azul é que está a unha hora de Ourense, e a praia dos franceses de A Veiga está a hora e media. Pero en Vigo non o saben, porque Ourense para os vigueses é un territorio descoñecido. Algo así como a cara oculta da lúa. Sospeitamos o que hai, pero non o coñecemos. Xa lles costa aos de Vigo aceptar que Ourense teña AVE, como para que agora teñan, por riba, bandeira azul. Que será o seguinte? Un presidente do goberno de Ourense?

Para entender Vigo hai que entender Ourense. Se ti un domingo polo serán sentas nunha das pontes da Cañiza —que agora se chama A Caniza— antes do túnel, verás unha chea de coches de «vigueses» que volven da aldea para a cidade olívica. Se un día que xogue o Celta contra un equipo importante, volves outra vez a esa ponte, verás unha chea de ourensáns que van ao partido e que volven no mesmo día. Cando chega o entroido, cando chegan as festas, sempre veñen de Vigo, ata a xente nova viguesa ten o costume de vir ás termas, e como teñen tanta présa, quedan nas de Prexigueiro, as que están en Ribadavia, por non chegar a nosa cidade.

Enténdese polo tanto, o cabreo que teñen os vigueses con Ourense, porque evidentemente aínda que non o recoñezan senten a presión ourensá. Senón, non estarían falando todo o tempo de nós. Cada vez que vou comer a Vigo, os meus amigos están dándolle voltas a todo isto. Que se o seu alcalde é mellor, que se en Ourense hai catro denominacións de orixe de viño pero que o albariño é un viño máis famoso, que en Ourense só hai funcionarios, que somos «rácanos», que está despoboado, que non levamos licor café... En fin, as típicas cousas de irmáns. E así, ponse en marcha a maquinaria viguesa antiourensá, porque Vigo non chega aos trescentos mil habitantes porque hai moita xente de Ourense que vive en Vigo e non se empadroa.

Agora, na pulsión inconsciente da nosa relación todo encaixa. Nós somos os malos, os antagonistas, a némese. Agora entendo o que lle pasa a Caballero con Feijóo, que lle ten manía por ser de Ourense. Eu dígolles sempre o mesmo aos de Vigo: non tedes nen Deputación, nen Bispado e nótase. A contestación que me dan é que iso non serve de nada. Que Ourense é unha das provincias e das cidades máis atrasadas de Galicia, sen industria, sen mar, agora xa non poden dicir sen praia, e chea de corrupción. Por riba, antes podían falar da Atenas de Galicia, agora o único que queda desa presunta Atenas de Galicia é o nome das rúas e dos institutos. Máis nada.

Pero claro, o da bandeira azul é moito porque é atacar a Vigo onde máis lle doe, nas praias, e o seguinte paso vai ser ter máis luces que o alcalde de Vigo, aínda que me da que para iso pasará máis tempo. Visto o visto, é máis fácil que un ourensán chegue a ser presidente do goberno, a que que un vigués recoñeza todos os méritos do seu veciño irmán. Ou tal vez non?

a nota

O túnel de Folgoso non é só un túnel. E tamén unha fronteira emocional entre os de Ourense e os de Vigo, que ás veces son os mesmos.