Xabier Álvarez, mestre xubilado: «O coro é un milagre porque xente que non estudou, fai música preciosa»
OURENSE CIUDAD
Aos 80 anos realizou una investigación antropolóxica sobre as agrupacións corais, estudando o Coro Universitario de Ourense, que el fundou
11 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Xabier Álvarez (Ourense, 1945) viviu o coro desde todas as perspectivas. Foi cantante, director e, como a cabeza non lle para, fíxose investigador. É mestre xubilado e tanto no profesional coma no persoal a súa vida xirou arredor da música. Concretamente sobre o canto coral. Fundou numerosas agrupacións na cidade de Ourense, impulsando unha tradición que continúa crecendo. O seu maior proxecto foi o Coro Universitario do Campus de Ourense (Cuco), que tivo que deixar por motivos de saúde hai seis anos. «Sempre me considerei máis mestre que músico», confesa. Por iso se doutorou en Psicopedagoxía. Hai uns anos volveu á universidade para cursar Antropoloxía, cun obxectivo claro: realizar unha investigación sobre os coros afeccionados. «É un regalo para os meus cantores, que tanto me ensinaron», confesa sobre o libro No corazón do coro.
Aínda que agora cumpriu o soño de vivir na aldea, entre natureza, Xabier é da avenida da Habana e alumno do Seminario. Alí comezou a desenvolver as súas habilidades musicais. Estudou Maxisterio e comezou a exercer na escola unitaria de Quins, en Melón, antes incluso de que a música fose unha materia regrada. «Alí a miña afección pasou a ser a pedagoxía e as correntes máis modernas do século XX», lembra. De feito, incluso foi mestre no centro de formación de profesorado de Ourense. Xabier enfocouse na educación musical dende que se oficializou nos colexios. Tamén en horario fóra de aula: «Centro por onde pasei, ía formando algunha agrupación musical». Primeiro foron instrumentais pero enseguida se centrou nas corais. Foi o seu camiño creativo para o que aproveitou a liberdade de ser profesor de música. «Eu digo que son inventor de coros», ri. Ademais das formacións nas escolas, foi subdirector do Orfeón, creou o primeiro grupo infantil municipal de Ourense ou a Capela Madrigalista. Aínda que o seu maior proxecto chegou unha vez xubilado.
Ao finalizar a vida de mestre, fixo a carreira de Psicopedagoxía, na que se doutorou. «Sentín que facía falta un coro na universidade», conta sobre o nacemento do Cuco. Vinte anos despois, o grupo segue cantando e cada vez máis vivo. Aínda que Xabier xa non está. Deixou a dirección na pandemia, pero a súa vocación de mestre levouno ata a UNED. «Non quería nin podía saír da casa, así que nin que a inventaran para min», lembra. Sentía que a pegada dos coros na súa persoa se merecía algo de volta. Matriculouse en Antropoloxía con 75 anos ca única meta de facer unha investigación sobre estas agrupacións.
O resultado é No corazón do coro, que presentou coincidindo co seu 80 aniversario. Explorou a vida cotiá do Cuco, aínda que as conclusións poden aplicarse a todos os grupos afeccionados. A investigación consistiu, por unha parte, en realizar entrevistas etnográficas cos cantores, sobre como viven a rutina dos ensaios. Por outra parte, Xabier volver ao coro como cantor durante tres meses. «Foi impactante, un descubrimento», confesa. Deste estudo, o ourensán concluíu que a característica máis especial dos coros é que a música se manifesta como algo natural. «É o milagre de que xente que non estudou, pode facer música preciosa», explica. A voz como instrumento base non necesita formación profesional para usarse. «É moi democrático», apunta. Por outra banda, neste tipo de grupos hai unidade e pluralidade ao mesmo tempo. Aínda que son varias e diferentes voces, o son é un. «O empaste musical é a razón de ser dun coro, non se trata só dun grupo de xente que canta. É algo máis especial», aclara. Así, cada formación logra ter unha voz propia e única. No libro de Xabier calquera cantante de coro pode identificarse cas vivencias da súa paixón. Ese era o regalo que quería facer o ourensán. Unha vez feito, tras cursar tres anos de Antropoloxía, di que rematará a carreira pero xa por puro ocio.
«Necesito volver a cantar e así pecho o círculo da miña vida»
A primeira certeza coa que Xabier Álvarez se topou ao facer a súa investigación foi decatarse da importancia que a música ten na súa vida. «Redescubriu a gran influencia que ten na miña persoa, sobre todo a voz, o canto coral», relata. Está presente nos primeiros recordos da súa infancia, co que soaba na casa, na radio e no inicio do colexio. No seminario xa estivo nunha rondalla e despois viñeron os coros. Aí descubriuse como pedagogo e director: «Eu traballei para dar sabedoría, non coñecementos, por telos non es mellor persoa».
Por iso, cando tivo que deixar a dirección do Cuco por saúde, foi «un pau moi grande». «Foi traumático, estaba moi implicado», lembra. O ourensán estivo un ano parado por una grave enfermidade que tamén afectou á súa voz. Superouna e leva meses adestrando o seu corpo para poder volver a cantar. Mentres, fixo a súa investigación e agora, unha vez publicada, ten claro o seguinte paso. «Necesito volver a cantar, así pecho o círculo da miña vida», confesa.
DNI
Quen é. Xabier Álvarez Iglesias é un ourensán nacido en 1945.
Ocupación. Foi mestre de música e director de diferentes coros durante 40 anos. Fundou a primeira agrupación infantil municipal de Ourense, a Capela Madrigalista —xunto a outros compañeiros— ou o Coro Universitario do Campus de Ourense (Cuco).
O seu espazo. O Edificio de Ferro, onde ensaiou co Cuco como director durante 15 anos.