Xosé Ramón Freixeiro Mato gaña o Premio de Ciencias Sociais da Fundación Vicente Risco
OURENSE CIUDAD

O xurado fixo dúas mencións especiais a outros tantos traballos etnográficos
09 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O xurado do premio de Ciencias Sociais da Fundación Vicente Risco reuniuse este sábado para elixir o traballo gañador do certame. Decidiu outorgar por unanimidade o premio a Separados por uma língua comum. Lusofilia e galeguidade na correspondência entre intelectuais da Galiza e do Norte de Portugal no século XX, de Xosé Ramón Freixeiro Mato. O xurado valorou a perspectiva interdisciplinar na que se sustenta a análise da correspondencia entre intelectuais galegos e portugueses ao longo do século XX. Destacou «a abordaxe feita dende a glotopolítica á sociolingüística, pasando pola análise das diferenzas interlingüística entre a lingua galega e portuguesa, a perspectiva poscolonial, ata as posibles solucións á cuestión lingüística en Galicia, o conflito simbólico e as disputas ideolóxicas». O xurado salientou que é un traballo rigoroso, ben estruturado e cun bo dominio das fontes, así como o seu interese e actualidade.
Houbo dúas mencións especiais a dous traballos etnográficos. Un deles versa sobre etnomedicina e foi presentado baixo o lema de Levantar a paletilla caída. Medicina integrada na tradición galega, de Lidia Mariño Ventoso; e o outro titúlase Historias de muíños e muiñeiros/as no cerne de Galicia, de María Montserrat Varela Vázquez.