













O xurado destacou do proxecto de Marta Lama, do IES Rosalía de Castro de Santiago, que é unha alternativa máis atractiva que os métodos tradicionais
17 may 2025 . Actualizado a las 16:08 h.Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), en Ourense, clausurou a edición do seu vinte aniversario baixo o lema Neurociencia e saúde mental. Marta Lama, do IES Rosalía de Castro de Santiago, fíxose co primeiro premio desta edición pola súa proposta Mente activa. Trátase dunha caixa de xogos para persoas con enfermidades neurodexenerativas, como alzhéimer ou párkinson, que presentan un deterioro cognitivo leve. «Son xogos sinxelos para a identificación de cores e formas de letras, deseñados para estimular e exercitar a atención, a memoria e as habilidades visuoespaciais. É unha alternativa máis atractiva e estimulante que os métodos tradicionais usados en residencias de maiores e centros de día, como os crebacabezas, os cadernos ou as mantas sensoriais, que resultan pouco motivadores», explicou Lama.
O premio, dotado con 1.000 euros, permitiralle financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona.
O segundo equipo clasificado foi o formado por Daniel Díaz e Carlos Fernández, do CPR Divino Maestro de Ourense, por SaudApp. A aplicación permite rexistrar o estado emocional a través dun formulario diario, practicar meditación, levar un diario de gratitude e acceder a contidos recomendados como vídeos, podcasts e artigos sobre benestar mental. Recibirán 500 euros para participar en Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. O terceiro premio foi para o proxecto de Eila Lago e Daniela García, do Colexio María Auxiliadora de Vigo, centrado na transformación de papel reciclado, materia orgánica, cinza e outros refugallos nun biocombustible eficiente e sustentable, denominado termoecobriks de biomasa. Cos 200 euros do galardón poderán mercar material científico ou tecnolóxico para o seu centro.
Galiciencia premiou ademais, como proxecto máis innovador o de Alejandro Fernández e Sergio Vales, do IES Laxeiro de Lalín (Pontevedra). Propoñen xerar electricidade de forma sostible e eficiente mediante a instalación de microturbinas nos canalóns das vivendas e edificios para aproveitar a forza da auga da chuvia. Cintia Pérez e Iago Fernández, do Colexio Pablo VI-Fátima de A Rúa, conseguiron o galardón na categoría ó mellor proxecto liderado por unha nena. O deseño co método científico e proceso de investigación mellor definido foi o de Roi Blanco e Elena Carro, do IES Rosalía de Castro de Santiago. É un sistema que permite detectar se os pasaxeiros levan o cinto de seguridade abrochado. A mellor comunicación foi a de Roque López e Irene Díaz, de Aulas Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense), que fabricaron unha palliña para a filtración de auga doce. O mellor proxecto vencellado coa neurociencia e a saúde mental foi o de María Rodríguez, do Colexio Maristas Santa María de Ourense. Desenvolveu un estudo para analizar os hábitos da poboación.
Borja García e Sergio Vázquez, do IES Laxeiro de Lalín, recibiron o primeiro premio no apartado de FP. Deseñaron un sistema de xeración de enerxía sostible para a carga de baterías, tanto de diferentes tipos de vehículos como de dispositivos eléctricos.
Un robot para mellorar o benestar emocional levou o premio do público. Os seus autores son Iago Calvelo e Mateo Leránoz, do IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago. Partiron da idea de que certas intervencións externas, como a música ou mensaxes motivacionais, poden xerar cambios positivos no estado de ánimo.