Ourense honra a Virxilio polo seu centenario cunha exposición de obras inéditas do pintor

La Voz

OURENSE CIUDAD

Mostra de Virxilio no Marcos Valcárcel
Mostra de Virxilio no Marcos Valcárcel Santi M. Amil

A mostra, comisariada pola súa filla, poderase visitar ata o 11 de maio no Marcos Valcárcel

15 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi Virxilio (Ourense, 1925-2011) un dos sete creadores aos que Vicente Risco alcumou como Os Artistiñas. Un membro singular daquel colectivo —era o maior do grupo, con diferenza, e esa circunstancia outorgáballe a responsabilidade nas viaxes que facían para formarse por países de toda Europa e Exipto co apoio de Ramón Otero Pedrayo, Ricardo Martín Esperenza, Caíto, e outros persoeiros de Ourense— que se caracterizou pola aposta internacional. Cunha etapa formativa en París, mostras en Italia e unha longa tempada de percorrido por varias cidades de Alemaña, con estudio durante anos en Colonia.

Con motivo da celebración do centenario do seu nacemento o Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense abriu ao público a mostra «Virxilio inédito (1925-2025)», una exposición composta por cen pezas na que exerceu de comisaria a súa filla, Gabriela Fernández Rivera. Sinalou a responsable do proxecto que foi un traballo difícil facer unha escolma de seis décadas de traxectoria artística e ordenar os recordos do seu pai.

«O Alemán»

Froito dese traballo a mostra inclúe dende apuntes e pequenas obras en papel ás súas clásicas referencias ás paisaxes, os incendios, os grupos femininos —vendimadoras e peixeiras—, as obras centradas no jazz ou as colaboracións, nos seus primeiros anos, con campañas de Tráfico ou a súa paixón polos carteis. No Marcos Valcárcel tamén se poden ver dúas vitrinas con debuxos, apuntes, libretas de traballo e outros materiais. 

Na inauguración o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, agradeceu a xenerosidade da familia para incorporar obra do pintor —que era amigo do seu pai— á colección da institución. Referiuse á mesma como unha das mellores da comunidade e salientou o feito de que é un patrimonio de todos os galegos e dunha institución, a Cámara galega, que é a maior representación do pobo soberano e da democracia en Galicia. Lembrou Santalices como na súa casa se referían a Virxilio como «O Alemán, polo éxito que tiña o seu traballo naquel país».

O titular da Deputación, Luis Menor, reafirmouse no apoio da institución á cultura e lembrou que o pintor se formara nos seus comezos na escola de artes provincial. Recordou que o creador sempre se refería a que iniciara o seu camiño artístico na Escola de Artes e Oficios provincial e gabouse do feito de que varios dos artistas presentes na sala tamén pasaron pola referida escola. Incidiu en varias ocasións na intención do organismo de potenciar este servizo e referiuse á necesidade de seguir reivindicando a singularidade, valor e importancia dos artistas da provincia de Ourense. «Máis que un artistiña, Virxilio foi un artistazo», afirmou Menor.

Na inauguración da mostra, que estará aberta ata o 11 de maio, estaban Acisclo Manzano e Buciños, membros do colectivo que se significou na arte de Galicia durante a segunda metade do século XX e a quen Risco lles deu o famoso alcume como colectivo. No acto participaron, entre outros creadores, Xosé Cid, Miguel Carballo, Sula Repani, Baldomero Moreiras, Xulio Gil e Lola Doporto. A arquitecta María Jesús Blanco, viúva de Xaime Quessada, e Ana Rivera, de Virxilio, tamén estiveron na inauguración do Centro Cultural Marcos Valcárcel. 

Dez días de troula

No acto houbo unha representación da Coral de Ruada, que vai facer unha actuación especial en homenaxe ao pintor. Gabriela Fernández desvelou a anécdota de que a Virxilio tardaron dez días en inscribilo no rexistro ao nacer. O seu pai, un dos fundadores da formación musical ourensá, botou de troula todo ese tempo celebrando cos amigos da coral o nacemento do seu desexado fillo. 

O director do centro cultural, Francisco González, salientou o traballo de Ramón Eiriz na montaxe e lembrou que mantivo unha relación de amizade con Virxilio durante décadas e era quen lle enmarcaba a obra ao pintor. A mostra conta cun catálogo no que o escritor José María Pérez Álvarez, Chesi, inclúe o seu texto «Pintar la música».