David Rodríguez, organizador da gala solidaria de Ourense: «Está pensada para que poida gozar a familia xunta»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

David Rodríguez é o organizador da gala solidaria.
David Rodríguez é o organizador da gala solidaria. Santi M. Amil

O Auditorio de Ourense acollerá mañá un festival con Gin Toni's, o Mago Teto, Pili Pampín e Tania Veiras, entre outros

11 ene 2025 . Actualizado a las 13:04 h.

No 2013, a asociación As Canellas organizou a primeira gala solidaria a beneficio da Asociación Española Contra el Cáncer en Ourense. A iniciativa saíu ben e de aí xurdiu a segunda, a terceira, a cuarta... ata chegar (co parón de tres anos pola pandemia) á novena edición, que será o domingo ás doce do mediodía no Auditorio de Ourense. Conta o presidente de As Canellas e organizador do evento, David Rodríguez Novoa, que o cambio de data (viña facéndose en novembro ou decembro) e hora (en lugar de ser á noite, será ao mediodía) veu dado pola dispoñibilidade do auditorio, pero confía en iso non supoña unha merma na afluencia. As entradas anticipadas custan 8 euros (na billeteira serán 10).

—Defina o que vai atopar o público que se achegue.

—Fixemos unha gala familiar, intentando chegar a todos os gustos porque vai haber de todo, desde música a baile ou maxia, sen esquecer o humor das presentadoras, Lucía Regueiro e Lucía Veiga. Está pensada para que poida gozar toda a familia xunta, porque igual aos maiores gustaranlles máis Pili Pampín e Tania Veiras, os mozos bailarán con Gin Toni's e os nenos gozarán co Mago Teto.

—¿Custa moito reunir a tantos artistas?

—Estou encantado, porque todos veñen desinteresadamente e se teñen a data libre todos me din que si. Gústame tirar de artistas galegos e promocionar aos grupos da cidade, por iso invitamos ao grupo de baile de Saudeter, porque me gusta axudar a dar a coñecer o que se fai aquí.

—¿Postos a soñar, a quen lle gustaría ter no cartel?

—A Luz Casal. Oxalá algún día poida estar. Intentarémolo.

—Levará moito traballo planificar unha gala así.

—Acabamos unha gala e xa empezamos a traballar na seguinte. De feito, neste caso xa comezamos antes, porque a próxima será especial por ser a décima e xa estamos pensando que facer. En si a gala faise soa, porque vai rodada. É unha cuestión de ir organizando, porque despois o certo é que os patrocinadores din que si na primeira chamada. O traballo está máis no final, coa promoción e a venda de entradas.

—¿Onde se poden mercar?

—Nas estacións de servizo Mariñamansa (na avenida de Zamora) e Pérez-Rumbao (en Progreso), en La Central Heladera (rúa do Paseo) e no café bar Cento5 (na estrada de Seixalbo). Ademais, o domingo haberá na billeteira.