Begoña Abeijón, directora xeral de Persoas con Discapacidade: «O único beneficio que se persigue é o dos usuarios e as familias»
OURENSE CIUDAD
A Xunta conta con ter en marcha o CAPD no próximo mes de abril
11 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Xunta ten nestes momentos catro centros públicos de atención especializada a persoas con discapacidade intelectual. Os de A Coruña, Redondela e Sarria, con oferta residencial, teñen xestión directa; e o de Ferrol tena externalizada ata o de agora cunha empresa, pero está en fase de licitación para ser xestionado por unha entidade social. Esa é tamén a fórmula elexida para o que abrirá con 110 prazas (entre residenciais e de día) en Ourense; unha decisión que non gusta á Plataforma ProCAPD, na que se integran as familias de afectados.
—Por que esta provincia non vai a ter un CAPD de xestión pública como hai nas outras tres?
—Nós apostamos por unha xestión social, que é unha das opcións recollidas na Lei de Servizos Sociais do 2008 para xestionar un centro público, porque cremos no traballo das entidades sociais. E gustaríame romper unha lanza ao seu favor porque parece que, ao final, con todas estas críticas, ponse en tela de xuízo a súa labor. Precisamente o que defendemos sempre dende á Xunta é que grazas as alianzas, aos convenios que temos as Administracións públicas con entidades sociais, podemos chegar a máis xente. Aportan servizos especializados e, sobre todo, algo que é moi importante: unha sensibilidade única porque vai no seu ADN. Son na súa maioría integradas por familias, nais, pais e persoas con discapacidade que decidiron aliarse e conformar este tecido asociativo. Confiamos plenamente no seu traballo e cremos que é moi boa opción para xestionar o centro de Ourense.
—Será polo tanto unha asociación a que o dirixa ou tamén poden optar outras entidades, como fundacións, por exemplo?
—Está aberto a todo tipo de entidades sen ánimo de lucro. O que queremos é que o de Ourense sexa un centro punteiro, á vangarda e que preste os mellores servizos e así vai ser. Non vai haber diferenza de servizos ou ratio co resto de centros públicos. Van ser prezos públicos, as prazas son cen por cen públicas e é un centro público tal e como nos comprometemos.
—Pero hai un compromiso firmado no 2016 por representantes de tódolos partidos políticos e un acordo plenario do pasado decembro na Deputación, tamén unánime, apoiando que o centro sexa de xestión pública. Como explica que o PP de Ourense defenda unha opción distinta?
—Esa pregunta terá que facerlla ao PP de Ourense. Eu como responsable da área de Discapacidade non podo respondela porque o descoñezo. Como Xunta o compromiso era sacar un centro público para Ourense e así vai ser; con prazas cen por cen públicas e un servizo de máxima calidade. Terá ademais unha novidade con respecto aos outros centros de Galicia: imos sacar varias tipoloxías de discapacidade. Haberá prazas específicas para persoas con autismo, outras para parálise cerebral, para dano cerebral ou para discapacidade intelectual. O obxectivo é responder á diversidade da demanda que temos na lista de espera adaptándonos ás necesidades de cada tipo. Por exemplo, as ratios de persoal para autismo non son as mesmas que as de parálise cerebral, por iso nós establecemos a necesaria en casa caso.
—Entende o rexeitamento a esa xestión por parte das familias?
—Nós entendemos a preocupación dos pais, pero tamén entendemos que aquí hai moitos intereses a nivel político. Creo que hai que ter un pouco de memoria e o BNG e o PSOE, cando estiveron no bipartito, externalizaron os servizos de varias residencias de maiores, como a de Bande ou a de Larouco na provincia de Ourense. E non pasou nada; é un tipo de xestión válida, que recolle a lei. Non entendemos por que agora se monta este revuelo, máis alá de para facer dano. Nós queremos lanzar unha mensaxe de tranquilidade ás familias porque, insisto, o servizo vai ser da máxima calidade. Aquí o único beneficio que se persegue é o benestar dos usuarios e a tranquilidade das familias. E confiamos que cando o centro empece a funcionar todo isto se calmará.
—Faltou comunicación coas familias ou coa plataforma por parte da Xunta?
—Foron recibidos en varias ocasións. A última moi recentemente polo delegado da Xunta en Ourense, pero antes tamén por distintos cargos da consellería. E sempre foron atendidos. Eu reitérolles que poden estar moi tranquilos porque nós sempre imos estar moi pendentes e moi vixiantes. É un centro noso e, como con tódolos centros de discapacidade, estamos pendentes do bo funcionamento. E, tal e como pasou no Carballiño, actuamos con toda a celeridade. Este novo centro que se abrirá vai funcionar moi ben e sabemos que é un centro do que todo Ourense vai estar moi orgulloso. Dende a Xunta imos a velar porque sexa un centro á vangarda, que preste os mellores servizos e que funcione correctamente.
—Cando empezará a funcionar?
—Contamos con que os prazos nas distintas fases para resolver a licitación nos permitan telo en funcionamento no mes de abril.