Adeus a un home comprometido coa terra e as xentes de Castrelo de Miño

Xurxo Rodríguez Méndez

OURENSE CIUDAD

Imaxe de arquivo de Rafael Carrizo Peña
Imaxe de arquivo de Rafael Carrizo Peña Santi M. Amil

Faleceu Rafael Carrizo Peña, presidente da asociación cultural O Penedo da Forca e exconcelleiro do BNG

28 dic 2024 . Actualizado a las 17:59 h.

Rafael Carrizo Peña faleceu este 26 de decembro aos 65 anos de idade, rodeado da súa familia. Nado no ano 1959 en Prado de Miño, Rafael será lembrado como unha persoa comprometida coa súa terra e coa súa xente. Foi un activo membro da asociación cultural O Penedo da Forca, da que actualmente era o seu presidente, traballando pola preservación e promoción da cultura local. Na súa vida pública, foi un referente en Castrelo de Miño, onde iniciou a súa traxectoria política como candidato polo PNG nas eleccións municipais de 1987. Posteriormente, co BNG, desempeñou o cargo de concelleiro, tanto na oposición como no equipo de goberno. Desa etapa destacan os oito anos que estivo á fronte da área de obras e servizos. A súa xestión deixou unha fonda pegada no concello, sendo responsable, entre outras, das obras da humanización de moitas prazas públicas, ou da mellora e profesionalización da xestión integral do ciclo da auga, labor á que dedicou cun esforzo encomiable. Profesionalmente, e tras unha longa traxectoria profesional en Coren, recén disfrutaba da súa merecida xubilación no seu domicilio de Santo Estevo de Ponte Castrelo, en compañía da súa familia, exercendo de orgulloso avó das súas dúas netas. Os que desexen despedirse del, poderán facelo no tanatorio de Barral, onde é velado desde o venres. O funeral terá lugar o sábado 28 de decembro, ás 4 da tarde, na igrexa parroquial de Santo Estevo de Ponte Castrelo. O seu exemplo, a súa bondade e o seu compromiso quedarán para sempre na memoria dos familiares e tamén dos compañeiros, dos amigos e tamén veciños que o admiraron e respectaro e que sempre se lembrarán del. Que a terra lle sexa leve.