Grazas por colaborar ca Operación Quilo e conseguir que sexa Nadal para todos
OURENSE CIUDAD

En nome de todas as persoas que hai detrás da Operación Quilo, grazas!
Rematada a edición número 38 da Operación Quilo, desde a Asociación Xuvenil Amencer queremos agradecer a participación de todas as persoas que dunha ou doutra maneira quilaboraron para que en Ourense sexa Nadal para todas e todos.
Grazas a quen fixestes posible recadar 8.159 quilos de alimentos, 4.200 quilos de xoguetes, 6.200 quilos de roupa e 9.809 euros que se destinaron á compra de alimentos. Grazas tamén ás 1.186 persoas voluntarias, mozas e mozos que botastes unha man para facer posible a recollida, clasificación e reparto de todo o recadado. A través das 16 Cáritas parroquiais e 3 entidades sociais serán entregados ás 2.101 persoas ás que atenden durante todo o ano.
Detrás de todos os quilos e diñeiro recadados están: o tempo de moitas persoas voluntarias (especialmente xente moza), a colaboración de moitas entidades e de representantes de diferentes organizacións e colectivos, a participación de numerosos locais comerciais e empresas da cidade, a achega de persoas anónimas, a difusión da campaña a través dos medios e redes, en especial a La Voz de Galicia e, sobre todo, a solidariedade e o compromiso que nos levan a facer o que está nas nosas mans para axudar a quen nos necesitan.
En nome da Comisión de Solidariedade de Amencer e no das persoas destinatarias desta axuda: Grazas! Quilaborando no presente, somos futuro. Bo Nadal e próspero 2025!
Xulio César Iglesias Blanco e todo o equipo coordinador da Operación Quilo 2024